A rodaxe de 'Invasor' obrigará a diversos cortes de tráfico na Coruña

O Concello da Coruña anunciou hoxe de que ao longo das próximas semanas se realizarán varios cortes de tráfico con motivo da rodaxe da película 'Invasor', que comezou esta semana na cidade.

Trátase dun proxecto das produtoras Vaca Films e Morena Films, dirixido por Daniel Calparsoro e protagonizado por Alberto Amman, Antonio de la Torre, Inma Cuesta e Karra Elejalde, no que a cidade da Coruña será un personaxe máis.

O Concello da Coruña informou hoxe de que procurou que os peches de tráfico afecten na menor medida posible aos cidadáns e ao tráfico.

Por iso intentouse programar as rodaxes en festivos, na súa maior parte.

Mañá está previsto cortar ao tráfico as rúas Alfredo Vicenti e Comandante Barja, polo que a circulación se desviará pola avenida de Bos Aires e a avenida de Rubine.

Finalizada esta parte da filmación, iniciarase outra que obrigará a cortar o tráfico na rúa Fernando Macías.

Neste caso, habilitarase a rúa Alfredo Vicenti, en dobre sentido, é dicir, circularase tanto no sentido habitual como no sentido contrario cara á avenida de Calvo Sotelo.

O 6 de decembro cortarase a circulación da avenida de Bos Aires e a avenida de Pedro Barrié de la Maza, ata a glorieta da Rúa Alta en ambos os dous sentidos de circulación.

Finalmente, o 8 de decembro, a rodaxe levarase a cabo ocupando a rúa Compostela e os Cantóns, polo que estará cortado ao tráfico tanto a rúa Compostela como os Cantóns, desde a Praza de Ourense ata Padre Feijóo.

A rodaxe de 'Invasor' comezou o 3 de novembro nas Illas Canarias, entre Fuerteventura e Lanzarote, para trasladarse a Galicia a partir do 21 do mesmo mes, onde se prolongará 6 semanas máis.

Moitos dos lugares emblemáticos da cidade herculina terán cabida no filme, xa que se rodará en localizacións como os Cantóns, o porto, o paseo marítimo, a terceira rolda ou o barrio das Roseiras.

Para iso, as necesidades de figuración son importantes e precisaranse máis de 300 figurantes para as 6 semanas de rodaxe na cidade.

Pola propia natureza da película, a figuración terá un papel fundamental nas secuencias de acción, onde cómpre destacar as persecucións que terán lugar no paseo marítimo.

'Invasor' conta a historia de Pablo, un médico militar español destinado nunha misión internacional, que tras un atentado que case lle custa a vida, regresa a casa convalecente xunto á súa muller e á súa filla.

Ao recuperar a memoria do ocorrido, Pablo sospeita que lle están agochando información sobre as circunstancias do atentado e a pesar da presión dos altos mandos négase a secundar a versión oficial pondo en perigo a súa seguridade e a da súa familia.

Te puede interesar