La entrevista del Vida

Entre rodaxe e rodaxe: Toni Salgado

El actor ourensano Toni Salgado.
photo_camera El actor ourensano Toni Salgado.
Toni Salgado sentíu a chamada da interpretación nun curso da Universidade. Respondeu e deu no cravo

Dende entón un non parar de aparicións en series, películas e teatro, converténdose nun dos actores galegos máis prolíficos. Actualmente podemos velo na serie "El secreto de Puenteviejo" e está inmerso na rodaxe da segunda temporada de "O sabor das margaridas", a primeira serie en galego en entrar na plataforma Netflix. Descubramos un chisco máis da serie... e de Toni Salgado.

Vostede é unha cara coñecida por participar en numerosas series con firma galega, unha destas últimas é “O sabor das margaridas" que se converteu na primeira serie en galego en entrar na plataforma Netflix, como recibiron a noticia? 

Especulábase xa dende os inicios da rodaxe. Para min é un orgullo ter participado nesta serie porque é importante que a versión orixinal en galego se vexa nun plano de igualdade con outras linguas, e porque en Galicia fanse produccións moi dignas con moi poucos cartos.

Agora están coa rodaxe da segunda tempada. Para os despistados, como faría un resumo da serie? 

Un thriller de suspense no que se desvela o escuro mundo da trata de mulleres e a prostitución e corrupción, tan arraigada na nosa sociedade.

A acollida en Netflix, teño entendido que moi ben... 

Moi ben se cadra se queda curto. As mensaxes que recibimos e seguimos recibindo de países como Turquía, Arxentina, Chile, Irlanda... dan conta do momento tan crucial que vive a producción e o consumo audiovisual, e todo iso sen que a lingua supoña un hándicap.

Pódenos desvelar algo da nova tempada? 

Un, que saio eu, que podería ser que non dado o final do meu personaxe na primeira temporada e dous, a serie nesta temporada vólvese máis intensa, mantendo o espíritu da primeira, con novos personaxes que nos irán metendo nunha trama que, con certa continuidade coa primeira temporada, engancha ó espectador levándoo cun ritmo trepidante cara un final inesperado e sorprendente.

20191212120310584_resultado

Hai algún traballo que recorde especialmente? 

A rodaxe da mini serie "Mar Libre", dirixida por Dani de La Torre.

De todos os papeis interpretados, quedaríase con algún? 

Tamén en "Mar Libre", o meu personaxe Iván, un sicario mudo e malvado que me brindou a oportunidades de aprender a montar a cabalo e mellorar na loita escénica. E outro personaxe, este en teatro, o Hamlet, posto que con el indágase en moitos aspectos da condición humana.

Teatro ou pequena/gran pantalla?

Se teño que elexir, prefiro o teatro porque os tempos de creación, ensaios, investigación adoitan ser máis amplos e a comunicación co público máis directa. No teatro es dono do teu traballo dende o inicio da representación ó final, e non hai posibilidade de retomar non repetir.  Do audiovisual o máis duro son os tempos de espera.

E como ourensán, que nos di deste “boom" cinematográfico que estamos a vivir? 

É un momento extraño pois por unha banda é maravilloso o boom de produccións e novos profesionais con moita formación. Pero pola outra, na miña opinión estase formando unha burbulla que acabará estoupando, pois a demanda non pode absorber a cantidade de produccións que saen. Por outra banda, polo menos en España, seguimos sen darlle a importancia ós tempos necesarios para escribir ben os guións e facer un bo deseño de producción. Cada vez as condicións nas que se grava tenden a ser máis caóticas e descoidadas, primando a calidade da imaxe sobre o traballo actoral e as condicións laborais dos traballadores. E, xa no noso país, seguimos coa idea "pailá" de traer actrices e actores de fóra para protagonizar os proxectos que se rodan aquí no canto de arriscar polo talento e experiencia da xente da terra.

Forma parte do elenco de “El secreto de Puenteviejo", por número de capítulos, a serie de emisión nacional máis lonxeva, que nos pode contar do día a día de traballo nesa vila ficticia?

A rodaxe é moi veloz, con un ritmo bastante frenético. Para min o máis complicado é dicir o texto en castelán sen que se me dispare moito o acento, pero tampouco me poñen moito reparo con iso. O equipo é un grupo inmenso de xente que fai o traballo moi sinxelo e cómodo. E estou encantado cos meus compañeiros e compañeiras de reparto, cos que teño xa unha moi boa relación de amizade e non só de traballo. O máis duro para min é estar lonxe de Compostela, a comida e os prezos, sobre todo o alugueiro que está fora de control, pero súplo esa falta con moita actividade cultural, da que Madrid está ben servida.

Algún proxecto a maiores na súa axenda? 

Polo momento ó estar en "El secreto de Puenteviejo" non podo asumir outros traballos de entidade, pero irei facendo aqueles traballos que me permitan compaxinar axendas. E ogallá poida pronto volver a estrear nalgunha producción teatral.



Coa venia

1. Un director/a.

- Icíar Bollaín e Luc Besson.

2. Un actor/a.

- Daniel Day Lewis e Manolo Solo.

3. Unha película.

-  "También la lluvia" e "Le grande bleu"

4. Unha serie.

- "The Wire".

5. O primerio que pensa ao erguerse.

- “Qué tiña que facer hoxe?”

6. Cando se mira ao espello, ve...

- Os ineludibles efectos do paso do tempo.

7. Brindaría por...

- Uns servizos públicos e de calidade.

8. Un vicio confesable.

- Procrastinar. Deixar o importante para o final.

9. Algo que o inspire.

- As persoas que seguen o seu camiño a pesares das dificultades e incomprensión dos demais.

10. Un recordo.

- Os veráns no río de Tintores cos meus pais e irmáns.

11. Unha manía.

- Non soporto o ruído e a xente que interrompe ó seu interlocutor.

12. Un lugar para perderse.

- O pozo do Demo.

13. Unha viaxe pendente.

- A calquera país do continente americano.

14. Perde a calma con...

- A xente que repite as mentiras que escoita nos medios sen cuestionarse nada.

15. Recobra a calma perdida con...

- Un bo aloumiño.

16. Un soño.

- Protagonizar unha peli de cine con carga social e facelo dignamente.

Te puede interesar