Bolboretiña

Saír con?

As frases feitas son moi propias de cada lingua. Por exemplo, en galego podo dicir “Vaiche boa” para referirme a que xa pasou moito tempo de algo. É intraducible. Se dis “Te va buena” ensinas a orella galaica. E hai unha expresión do castelán, moi usual desde hai sesenta ou setenta anos que é “salir con”, versionada no galego como “saír con”; o que fan os mozos e as mozas. Pero non sempre foi así. Antes, no tempo dos avós e máis atrás, a expresión era “falar con”. Escoitábase daquela:  “Sabes?, O Manuel fala agora coa filla do Eladio”, por exemplo. O dicionario da RAG aínda o recolle como sexta acepción: “Ter unha relación amorosa con outra persoa”. Os portugueses usan con moita máis normalidade ca nós o verbo “namorar”, e “namorada” sen que soe cursi. “A minha namorada é de Ourense”. En fin, a min o de “saír”, non me acaba de gustar porque non sei onde estarían metidos antes. En calquera caso, moi bonito é “facer as beiras”, ou “namoriscar” para o que o castelán dicía “ligar” -o portugués “flertrar”- e os rapaces de hoxe, para a miña sorpresa “meter ficha”.

Te puede interesar