Teatro

O Teatro Amador pechará con dúas comedias esta edición

Representación da obra "Estraños Hábitos".
photo_camera Representación da obra "Estraños Hábitos".
A Agrupación Mariñán porá en escena "Insania", o sábado; e ao día seguinte será Porta aberta con "Estraños hábitos"

A XII Mostra de Teatro Amador "Terras do Orcellón" 2019 chega a súa recta final coa representación de dúas comedias. Así, o próximo sábado, a Agrupación Teatral Mariñán de Betanzos presentará a obra "Insania", unha inquietante comedia de humor negro, sorprendente pola sinxela posta en escena e o traballado papel dos seus actores, e que ten una mensaxe "subliminal" para profesores con síndrome de tensión, segundo apuntan os organizadores desta mostra, do grupo Tiruleque Teatro.

Ao día seguinte, xa en domingo, tócalle a clausura ao grupo Porta Aberta de Vigo, que ofrecerá para os espectadores a comedia "Estraños hábitos", desenvolvida nunha vivenda na que, o que aparentemente ía ser unha cita normal, nun apartamento normal, con persoas e amigos normais e sen  ningún tipo de alteración fóra do normal, acaba sendo unha tarde diferente e alterada ata a esquizofrenia. A vida de Xoán verase alterada nunha soa tarde por todos e cada un dos personaxes que van aparecendo no seu apartamento de solteiro. El tiña todo preparado para unha cita normal con Virxinia, pero todo se converterá nun continuo ir e vir das persoas importantes na súa vida, en circunstancias estrañas e con hábitos aínda máis estraños.


As representacións serán no Auditorio Manuel María do Carballiño, ás 20,30 horas


Ademais, segundo informa a organización, os alumnos dos centros de ensino da vila: IES nº 1, IES Chamoso Lamas, colexio Vila do Arenteiro e colexio Sagrado Corazón terán a súa disposición a entrada de balde para presenciar estas comedias, co único requisito de identificarse no despacho de entradas. 

A Mostra de Teatro Amador "Terras do Orcellón" comezaba nesta nova edición os pasados días 5 e 6 de outubro coa actuación do grupo anfitrión, Tiruleque Teatro, e a súa última montaxe: "A farsa do maite Pathelin". 

Tras a apertura do telón, pasaron polo auditorio aqueles grupos seleccionados para este festival de teatro afeccionado como son: Namarella, Sangue de Dragón e La Barata Producións.

Te puede interesar