Un tira e afrouxa no Val de San Fernando

Licore.jpg_web

O efecto nostalxia tomou de refén a carteleira. Quizais sexa un efecto colateral da pandemia. Dende hai tempo parece que os directores só saben mirar atrás na espera de ter a valentía para enfrontarse a esta nova realidade.

Peter Parker-Spider Man volveu surcar as pantallas xunto cos monstros de Scream e as pantasmas de Ghostbusters. O cineasta Edgar Wright abriu literamente un paso espaczo-temporal entre o Londres dos anos 60 e a inmediatamente anterior á pandemia con Última noche en el Soho. Guillermo del Toro viaxou á época dourada de Hollywood e fixo o seu persoal remake de El callejón de las almas perdidas mentres o veterano Steven Spielberg voltou á década dos cincuenta con West Side Story. O cineasta Paolo Sorrentino contou a través dun realista amarcord napolitano, Fue la mano de Dios, o seu nacemento como cineasta. Ao igual Kenneth Branagh fixo o mesmo, cunha postal en branco e negro de Belfast, contando a súa infancia na súa cidade natal. Sensibilidades diferentes, xéneros dispares, pero todos confinados nos recordos, oscilando entre a nostalxia e o déjà vu.

Con Licorice Pizza, tamén Paul Thomas Anderson volve retratar o seu querido Val de San Fernando, onde naceu e segue a vivir a maior parte do ano. Un val urbanizado que xa fora a localización dalgún dos seus célebres filmes como Magnolia (1999) ou Embriagado de amor (2002). Desconcertado pola nostalxia, Anderson retrata o seu mundo nos anos setenta. Conxuga os seus recordos de adolescentescos do seu produtor Gary Goetzman. Entre o romance e a comedia, Licorice Pizza céntrase na relación entre a moza Alana Kane (Alana Haim) e o adolescente Gary Valentine (Cooper Hoffman). No medio dun interminable tira e afrouxa, Anderson preséntanos unha serie de situaccións algo peculiares e uns personaxes máis ou menos curiosos.

Licorice Pizza é unha película sen artificios que parece concebida como un íntimo divertissement do cineasta. Fóra da incerta relación entre Alana e Gary, nada é excepcionalmente destacable ou vai máis aló da simple anécdota. Todo o que se move arredor dos dous debutantes protagonistas é só un decorado circunstancial moi ben fotografado. Destaca a música, imprescindible como en todas as películas de Paul Thomas Anderson. Aquí, o cineasta aposta polo seguro con clásicos de David Bowie, Nina Simone, Chuck Berry, The Doors, Bing Crosby, etc. O mesmo título, Licorice Pizza, fai referencia a unha cadea de tendas de discos moi populares nos anos 70 no sur de California–aínda que no filme non apareza ningunha-.

Na medida en que o espectador é capaz de conectar cos protagonistas e co lugar, gozará desta longametraxe. Os demais sentirán unha verdadeira nostalxia en recordar cando as notas de Jonny Greenwood tiñan máis protagonismo e, sobre todo, lembrando ao cineasta prodixio nacido no Val de San Fernando que rodou excelentes obras como Boogie Nights (1997), Pozos de ambición (2007) ou incluso The Master (2012), entre outras.

Te puede interesar