La entrevista del Vida

A tolemia creativa de Aser Álvarez

El cineasta y periodista Aser Álvarez. (Foto: Xesús Fariñas)
photo_camera El cineasta y periodista Aser Álvarez. (Foto: Xesús Fariñas)
"Non hai espellos nos manicomios" é o nome do último proxecto de Aser Álvarez. Poesía, imaxe, foto, pintura e música dan forma a este traballo multimedia que xira ao redor da saúde mental, é a historia de superación persoal do escritor Antonio Tizón, diagnósticado cun trastorno bipolar dende hai décadas. Máis alá deste proxecto, unha manchea de ideas na cabeza para levar a cabo, sempre derrubando fronteiras, muros e loitando contra os estereotipos. E sempre presente, a aportación do seu pequeno gran de area para loitar contra a despoboación e a morte do rural.

Debúllenos, como xurde o proxecto “Non hai espellos nos manicomios”?

Comeza pola amizade que me une con Antonio Tizón e pola necesidade de facer un proxecto así sobre a saúde mental en Galicia, e facelo dende unha biografía, chea de esperanza e en positivo. Falar da superación dunha persoa que volve do inferno e que ten unha vida plena, unha familia, amigos e un talento literario extraodinario. Axudamos a darlle forma a este proxecto de Tizón, cunha abordaxe multidisciplinar, no que a música e a imaxe acompañan á poesía e outras artes.  Unha idea que vagaba na súa mente dende facía tempo e que nós colaboramos para que vexa a luz cun obxectivo artístico e de sensibilización social.  

Que contén este proxecto multimedia?

Inclúe os poemas de Antonio Tizón; a parte musical de Miro Casabella, o último representante de Voces Ceibes; a parte pictórica que fai a muller de Tizón, Mari Quinteiro, e a parte audiovisual que facemos dende Arraianos. Una peza documental de 18 minutos de duración, onde en primeira persoa nos fala da súa historia. Con todo, é un proxecto aínda aberto a novas achegas, A través da rede e a páxina: www.nonhaiespellosnosmanicomios.org, queremos que sigan as aportacións de máis artistas, máis disciplinas… e todo xirando ao redor do tema saúde e a enfermidade mental, para rachar os estereotipos e os prexuízos que aínda existen, cunha historia de superación.

Que buscan con este proxecto?

Por unha banda, que poida servir de exemplo a moita xente con enfermidades mentais. Que vexan que é posible superar e convivir coa doenza.  Por outra, poñer un foco de atención sobre estos trastornos que aínda hoxe seguen a ser un tema tabú. Avanzouse moito, pero aínda queda moito camiño por facer no eido da normalización e da integración. Queremos contribuír a rachar os estereotipos e facelo a través da historia dunha persoa boa, valente e honesta, que se abre en canal para espirse e falarnos das súas vivencias. 

“Sísfo Confuso”, “O Purgatorio de Leiro”, “O silencio dos eólicos”, “100% C.E.F”... son exemplos dos seus traballos. Todos eles documentais. Que o leva a escoller este xénero maioritariamente?

A miña tolería (risas). É moi complicado facer documentais en Galicia e máis sen perder diñeiro. Imos realizando spots de publicidade, como o do Parlamento ou das Illas Atlánticas, ou programas como “Anacos de vida”, co que tamén derrubamos os muros interxeneracionais e facemos comunidade recuperando as pequenas historias que hai tralas fotos antigas. E así imos compensando unhas cousas con outras. Aínda que moitas veces, primeiro fago o traballo e logo busco financiación. Desaconsello totalmente este método suicida. (risas). Pero móveme demasiado a paixón, a ilusión e a necesidade de desenvolver proxectos que considero que hai que facer. Claro está que con esta forma de traballar dispoño dunha enorme liberdade creativa, ao non depender de subvencións nin prazos. 

E miremos por onde miremos, sempre vemos a un Aser Álvarez concienciado co rural. 

É unha cuestión ética e de compromiso coa nosa terra e co momento que nos tocou vivir. As aldeas morren e a miña idea e contribuir na medida do posible a loitar contra esta realidade. Por iso creamos un Festival de Cine Rural e un Foro Internacional sobre Economía e Cultura Rural, por iso facemos documentais sobre esta temática, como os dirixidos por Plácido Romero, “Fronteiras de enerxía animal”, “Cesteando” e “O tempo na Luparia”. E tamén “Galicia na memoria”, que é unha escolma de fondos fotográficos e cinematográficos da Galicia rural entre 1934 e 1989, un proxecto de divulgación pioneiro no ámbito estatal feito para o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Penso que é necesario contribuir dende Galicia a este debate global sobre a morte das aldeas, e, por outro, revitalizar o rural é o único xeito de loitar contra o cambio climático. Neste momento, cada un debe saber estar á altura do momento histórico que nos tocou vivir. Con iniciativas como a posta en marcha do Foro da Economía e Cultura Rural levado a cabo en Santiago, ou formar parte do Ourense Rural Summit e do Observatorio do Rural, poden ser pequenos pasos para un gran cambio, con vontade e teimosía. 

É positivo?

Si. Aínda que por veces coincido cos vaticinios máis oscuros que falan do holocausto do rural. Pero por outro, dígome que hai dúas opcións, dalo por bo e rendirse, ou pensar que se pode facer algo. E neso estou. Tratando de aportar o que poida. Tamén por eso sempre os nosos traballos á nosa terra. Para devolverlle unha pequena parte do que ela nos dá e defender o patrimonio dos devanceiros.  

Home de pouca paraxe, onde o veremos próximamente?

Neste ano das Letras Galegas adicadas a Carvalho Calero, estamos traballando dun documental sobre a súa figura, para, dun xeito fresco e dinámico como fixemos con Celso Emilio, achegalo ás novas xeracións e dar a coñecer a súa vida e obra para facer xustiza con este persoeiro.  

Acabamos de presentar un proxecto documental nun foro de coprodución europeo en Biarritz, sobre Eduardo Arroyo, un proxecto noso que seleccionaron para este importante evento e que xira arredor da vida e a obra deste artista contemporáneo recentemente falecido, un artista moi recoñecido en Francia, onde se exiliou en 1958. Coñecímonos hai un par de anos no "Hay Festival" en Segovia e gustoulle moito o noso documental sobre Leiro. Foi daquela cando comezamos a soñar con este documental.    

E no ámbito da radio educativa, estamos organizando o II Certame Internacional de Podcats en galego, aberto a centros de Galicia e norte de Portugal, con podcasts sobre temas relacionados co patrimonio material e inmaterial de ambos lados da Raia e centrados no personaxe ao que se lle adican as Letras Galegas, reivindicando a memoria de Xosé Mosquera, "O vellos dos contos", a primeira estrela mediática de Galicia.  



Coa venia

1. Un director/a.

- Yasujiro Ozu

2. Un actor/actriz.

- Charles Chaplin.

3. Unha película.

- “O que arde”.

4. Cando se mira ao espello ve…

- Procuro non mirar demasiado ao espello. Prefiro mirar arredor.

5. O primeiro que pensa ao erguerse. 

-  Agradezo ter un novo día para desfrutar das pequenas cousas da vida.

6. Unha tarefa pendente dende hai meses.

- Moitas. Sempre teño cousas pendentes. E tamén é eso o que da enerxía para ir para adiante. Ter proxectos en movemento, ilusións.

7. Que responde cando lle preguntan a que se adica?

- A moitas cousas.

8. A quen lle daría un premio urxentemente?

- Á xente que loita cada día con honestidade para sacar adiante unha familia, un proxecto ou por facer do mundo un lugar algo mellor.

9. Un vicio confesable.

- O deporte.

10. Un lugar para perderse. 

- A Raia Seca, ou calquera fronteira.

11. Unha viaxe pendente.

- Xapón e a India.

12. Perde a calma con…

- Coa intolerancia e a envexa.

13. Recobra a calma con…

- Co amor, o mar e o contacto coa natureza.

14. Un soño por cumprir.

- Que sexamos quen de trasmitirlles aos nosos fillos cales os nosos valores, a nosa cultura e as nosas raíces e, que saiban que con esas raizames poden voar ben lonxe e libres, até onde queiran.

Te puede interesar