Un Xesús americano

Jessica-Chastain-as-Tammy-Faye.jpg_web

Ser ateo, para a gran maioría dos americanos, é o peor. Mellor ser un pastafari ou arrodillarse aos zocos de satán, ser un adorador de serpes cascabeis en Kentucky ou parte dunha potencial secta suicida en Oregon. Incluso gastar a saúde nos libros de Ron Hubbard é máis digno que vivir sen ningunha crenza.

O 81% da poboación estadounidense é crente e a metade dela di que a relixión ten un papel fundamental na súa vida. Ademais en cada dólar está impreso o lema oficial nacional: “In God is our trust” (en Deus está a nosa confianza). E como é previsible, nas súas infinitas variantes, a relixión en EEUU move moito máis diñeiro que o IOR, o banco do Vaticano.

Deus é patria, fe e diñeiro. Conceptos inseparables que hai que ter presentes á hora de achegarse ao biopic Los ojos de Tammy Faye dirixido por Michael Showalter. Faye foi unha telepredicadora evanxelista que, dende a nada, entre os anos 70 e 80, fundou a rede de cadeas relixiosas máis poderosa do mundo. Un imperio mediático que dirixiu xunto co seu marido Jim Bakker, e ao cal engadiuse un parque de atraccións – coas copias dos principais monumentos de Xerusalén e un coliseo. Unha Disneyland moi popular, hortera e cristiana, que xeraba ós seus donos tantos millóns como perdas, e influíu no voto dunha parte importante do electorado estadounidense.

Ningún acontecemento deste biopic contado de forma lineal é precisamente ortodoxo. Dende as primeiras experiencias relixiosas nunha pequena comunidade de Minnesota, pasando polo matrimonio con Jim Bakker, o filme describe moi ben o éxito e a caída de Tammy Faye apoiándose sobre unha extraordinaria Jessica Chastain.

A actriz encarna cada etapa vital da protagonista conferindo unha fascinante complexidade e intimidade a unha personaxe mediática e kitsch que oscila entre a inxenuidade e a charlatanería, a frustración e o misticismo. Non extraña que Chastain, polo seu papel neste filme, estea entre as nominadas aos Oscars como Mellor Actriz.

Los ojos de Tammy Faye evidencia as contradicións dun país onde a videocracia e a teocracia pestanexan constantemente a un público ansioso de redención. Onde calquera acto, incluso o máis turbio, é lexítimo cando a confianza está en Deus. A mensaxe da filme tamén oscila nesa contradición, rematando algo desenfocada. Non está nada claro ata que punto o director condena ou exculpa aos seus protagonistas, retratándoos perdidos entre a ilusión sincera, a estupidez a e a codicia.

Como alegación, podése ver a The Eyes of Tammy Faye (2000), un documental que foi inspiración para o biopic, ademáis de Fe y moneda (1983) de Werner Herzog, ou os imprescindibles documentais estadounidenses do español Aram Garriga, American Jesus (2013) e An American Satan (2019), incluso a recente serie de HBO “Los Gemstone”. En Estados Unidos - e non só aló - o negocio da fe televisada segue movendo montañas, de diñeiro.

Te puede interesar