Bolboretiña | Vocabulario a extinguir

Do mesmo xeito que hai un vocabulario que se espalla coa globalización mundial, hai outro máis enxebre, máis propio que desaparece... e moitas veces, por sorte. Formas mundiais serían café, cacao, motor, fútbol, bar, hotel, wifi, dron, televisión, etc. etc. Ou sexa, as palabras novas para realidades novas. E as que se extinguen son as palabras vellas para realidades vellas. Vendo o arado da expo “Galicia de Nós a nós”, n’Afundación, na Praza Maior, pensaba cantos mozos saben hoxe da “rabiza, abeaca, tamón, rella...” ou cantos saben do xugo de molida, canga, cancís? Obxectos que desaparecen sacan da circulación palabras. Co distanciamento de arestora desaparecen os piollos das cabeciñas dos rapaces. Pasaralle ás lendias e piollos o mesmo ca ós sabañós ou frieiras? Por iso, debemos ser especialmente coidadosos en preservar o vocabulario tradicional non ligado a temas a desaparecer e dicirmos sempre onte, ovos, ducia, verme, apouvigar, oitenta...  e non deixar oco a aier, huevos, docena, gusano, deprimir, ochenta... Non permitamos que o galego se disolva como unha pedriña de azucre en leite quente, ou sexa, dándolle sabor ao que resulte, pero perdendo as cualidades propias. 

Te puede interesar