Arte et Alia

Xaime Piñeiro na Cambalhota, Francisco Ramos no Municipal

Xaime Piñeiro posa ante as súas obras cerámicas e pictóricas.
photo_camera Xaime Piñeiro posa ante as súas obras cerámicas e pictóricas.

Piñeiro, mestre de cerámica alaricano, quítalle o po á súa pintura para amosármola no espazo socio-cultural da Cambalhota na compaña das súas máis recentes creacións artísticas pensadas coas mans, dende o torno de alfareiro. Esta mostra, algo improvisada na posta en escena, como comentou, ten sen embargo para nós a virtude do impulso de raíz, que nos permite achegarmos á visión global da súa actividade creativa arredor das paixóns que dende fai lustros ocupan a súa actividade, unha vida que lle ten cambiado nos últimos anos no familiar, con cambio de residencia para Compostela... Neste contexto xurde agora ‘Cartas á terra’, título baseado nunha obra da exposición de 2006 no Centro Cultural da Deputación en 2006, compartida con Xavier Varela de Allariz, o que nos permite achar algunhas das súas obras de gran formato, a pincel e pigmentos acrílicos, cos que se expresaba con intensidade até os primeiros anos do milenio. Así naquela, ou “Telúrica”, 2003, no Araguaney en Santiago e Sargadelos, Ourense. Mais Xaime Piñeiro estaba a traballar arreo neses anos coa arxila, experimentando técnicas e coccións, cores e reflexos metálicos na interacción do lume. É así como hai nas pinturas formas con texturas cerámicas, e o guerreiro pasa a ser un volume recorrente como icónica peza cerámica. Aquí e agora, na súa vila natal, con taller nos arredores, que comparte co do Sar, dous lugares unidos polo Camiño de Santiago con lazo invisible, unha das craves da exposición. No ano que decorre participou na gran colectiva de Cestería, cerámica e xoiería de Galicia no compostelano Museo Centro Gaiás. As súas 'Xeoevanescencias', gres e vidrados de alta destacaron entre as de Toubes e Caxigueiro, de xeracións máis vellas. Docente de técnicas de cerámicas e alfarería da Escola de Artes e Oficios de Ourense, a obra coral en Allariz suporá para este mestre ceramista e pintor, non o dubidemos, algo semellante ao de Paul Marie Verlaine, o príncipe dos poetas, cando fixo “Antaño e hogaño”, exitosa recompilación de poesías.


Fragmentos de existencia


Francisco Ramos Rodríguez é celador no ChuOU dende 2014, traballo que iniciou no Hospital de Piñor en 1990. No anos intermedios deste arco vital licenciouse en filosofía e cando rematou foise para México, vivindo alí entre 1998 e 2013. Naquel lado do mundo comezou coa acuarela, técnica acuosa que é a elixida para esta mostra, no que ben sendo a súa primeira exposición individual, composta de vinte acuarelas e un óleo, actividade desenrolada nestes últimos catro anos. A exposición deste novel artista que é Ramos (Morgade, 1962), terras de Xinzo de Limia, no espazo do segundo andar das instalacións municipais da Rúa Lepanto é «un resumo vital», en expresión súa, con escenas de intensas cores subxectivas. Con elas plasma impresións cheas de intención dende mazairas en fror, un marmelo ou unha cerdeira, nas que tenta coller a esencia dun instante. Noutras é a vida a través das vides en dúas estacións do calendario. E en todas, busca o silencio entre os relampos das cores. O lugar de Brués, Boborás, terra da súa muller, tenlle permitido expresar o lugar humanizado. 

Te puede interesar