CARREIRA POPULAR

As miñas dúas San Martiños

<p></p>
photo_camera Crucei a meta sen folgos, fi xen a San Martiño en 1h 07'; un mal tempo pero eu síntome satisfeita.

A intrahistoria dunha carreira que me fixo cruzar catro veces a Ponte Vella e que rematou acompañando á sobriña do meu mozo na proba de Cativos

Onte crucei a Ponte Vella catro veces. Para quen vive no barrio da Ponte é algo que forma do seu ADN. Eu crúzoa todos os días para ir ata a biblioteca e prepararme para outro tipo de carreira en xuño. A carreira da miña vida. Todas as mañás fágome a mesma pregunta mentres cruzo a ponte: serei quen de facelo?

Cando saín de casa notei a caricia da néboa arredor das miñas pernas. Baixo pola Caldas, a megafonía xa se sinte dende aquí. Atraveso a Ponte Vella e un temor tan antiguo como realista me agarda. E se non podo rematar? E se quedo sen forzas a media carreira? Este ano chegaba sen apenas correr. Confeso que aínda o domingo pasado foi o primeiro día en meses que saía a facer quilómetros e quilómetros. O meu tempo e as miñas enerxías son servidoras da oposición, ten que ser así. Fago deporte, senón acabaría cunha camisa de forza, dúas horas semanais de GAP no Pavillón dos Remedios, onde o noso monitor Roberto nos adestra como a auténticas espartanas.

Quedan pouco máis de vinte minutos, quecer, darlle o sudadoiro á miña irmá que volve facernos de coche vasoira a min e ao seu mozo. Oxalá algún día corramos xuntas a San Martiño. Sitúome no caixón popular. Os nervios veñen, a ansiedade por correr. Un minuto de silencio polos mortos de París, por todos os mortos. Ninguén se move, nada se escoita. Miles e miles de persoas en completa calma. Dan as once, un disparo. Hai tantísimos corredores que transcorren 2 minutos ata que me poño en movemento. Téñolle pavor á costa de Xesús Pousa, se non controlo ben a respiración e ritmo véxome sufrindo xa antes do quilómetro cinco. Volvemos baixar polas Caldas e segunda vez que cruzo a ponte. Temos máis público que o ano pasado. No Progreso os ocos van medrando entre os corredores e á altura da Alameda a cabeza de carreira voa da Praza Maior cara o Paseo.

"Maleducada!"

En Doutor Fleming vánseme os ollos cara as fiestras de casa de meus pais. Estamos nos quilómetro tres e vou aguantando. As pendientes da Avenida de Portugal anuncían o quilómetro catro. Unha señora sóltalle a un mozo con algo de sobrepeso que vai diante de min: "Veña que hoxe baixas un quilo". "Maleducada", bérrolle eu rabiosa. Chega o quilómetro cinco, avituallamento, o meu cronómetro marca uns funestos 35 minutos.

Pero non me desanimo, a certeza de que vou rematar a San Martiño agora é absoluta. As pernas responden e os pulmóns tamén. Apuro o ritmo, xa perdín bastante tempo, hai gasolina. Nos quilómetros seis e sete divago unha vez máis sobre as razóns que nos impulsan a correr. Ser máis rápidos, máis áxiles, ter resistencia, forza de vontade. Esa sensación de confianza. Estamos sós. Ser mellores do que fomos, ou cando menos intentalo. Quilómetro oito e control na universidade. O sol semella querer saír. Na miña cabeza soa 'Mountain at my gates' de Foals. Vaiseme acabando a gasolina na pendiente do Blanco Amor. Quilómetro nove, ese momento no que o corpo necesita acabar pero o corazón vólvese un xigante.

Xa é a terceira vez que cruzo a Ponte. Os derradeiros folgos para o sprint final. Estou baleira, fixen a San Martiño nunha hora e sete minutos (tempo real, non oficial). Corrín media carreira en 32 minutos. É un mal tempo, pero eu síntome tan tan tan ben.

Carreira de cativos

Pero o punto final non é este. Este ano corre a sobriña do meu mozo a carreira de Cativos e eu vou con ela e o pai. Faime ilusión, é a súa primeira San Martiño. Máis que correr, arrástrome detrás deles. Comprobo unha vez máis que os nenos son sempre máis lixeiros que os adultos, en todos os aspectos. Finalmente, cuarta vez que paso pola Ponte Vella. Quizais a algún día sexa a nena a que corra a carreira absoluta e eu quen a espere na meta. O futuro está aquí.

Te puede interesar