Os funcionarios de Finanzas da Comunidade serán 'os únicos autorizados' para realizar as liquidacións

A Axencia Tributaria galega estará lista antes do verán e permitirá recadar 20 millóns máis ao ano

A primeira Axencia Tributaria de Galicia nos seus 30 anos de autonomía estará 'definitivamente aprobada' antes do verán e permitirá á facenda autonómica contar con máis de 24 millóns máis ao ano, o que supón case 100 nunha lexislatura. Farao ao aumentar a recadación por impostos propios e cedidos en 20 millóns -'un 20 por cento máis sen subir os impostos'- e ao aforrar 'algo máis de 4 millóns' anuais na xestión de custos.
Anunciouno o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, na roda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que iniciou os trámites para a súa creación, aínda que debe superar agora a fase de alegacións. 'Iniciamos a conta atrás para activar unha axencia que busca maior eficacia, loitar contra a fraude, e facilitar aos contribuíntes que cumpran as súas obrigas fiscais', destacou.

A nova axencia suporá tamén unha 'mellor asistencia' para os cidadáns porque a Xunta asume o compromiso de 'facilitar' que se cumpran as obrigas tributarias aos galegos para non incorrer 'en multas, liquidacións complementarias ou liquidacións paralelas' por falta coñecemento no momento da liquidación.

En palabras de Feijóo, este instrumento persegue o triplo exercicio de 'austeridade, profesionalización e de coordinación' para poder cumprir o dobre reto de 'fortalecer' o cumprimento tributario a través da loita directa contra a fraude fiscal', tamén actuacións que tendan ao 'pagamento voluntario' destes tributos e poñer en marcha un sistema completo de 'asistencia ao contribuínte'.

AGLUTINAR COMPETENCIAS
En relación ao exercicio de austeridade e simplificación administrativa, Feijóo destacou que o novo organismo supón a desaparición da Dirección Xeral de Tributos, das cinco xefaturas provinciais ou territoriais da Consellería de Facenda e das 42 oficinas liquidadoras de impostos.

En concreto, a Administración autonómica aglutinará todas as funcións tributarias que lle corresponden por tributos propios e cedidos, o que supón que os funcionarios de Finanzas da Comunidade serán 'os únicos autorizados' para realizar as liquidacións.

'As 42 oficinas liquidadoras e os rexistros de propiedade existentes poderán seguir actuando como oficinas de presentación, pero deixan de prestar o servizo de liquidación e de cobralo á Xunta por iso', resumiu Feijóo, quen, preguntado por se a Axencia terá delegación en Santiago, replicou que a sede da Xunta é 'unha magnífica delegación'.


MENOS BUROCRACIA E MÁIS INFORMACIÓN
Ademais de apostar polas novas tecnoloxías, Feijóo destacou que a Axencia Tributaria busca reducir 'ao mínimo' a burocracia. Así, a Xunta traballa xa nos aplicativos unha ventá única telemática que permita conectar o contribuínte cos diferentes rexistros e que lle deixe, así mesmo, 'cumprir todos os trámites' a realizar.

Igualmente, crearase un servizo de atención telefónico e postos de atención continuada, ademais de facilitar a cita previa para evitar desprazamentos e esperas a aqueles contribuíntes que queiran facer unha consulta para 'cumprir mellor' coas súas obrigas tributarias.

Te puede interesar