España reclama á UE un adianto de 2.000 millóns para axudar a agricultores e gandeiros

A ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Marino, Rosa Aguilar, sumarase a unha petición de Francia para que Bruxelas adiante o pagamento das axudas agrícolas comunitarias co fin de dar liquidez abonda ao sector para afrontar a crise actual. De prosperar, liberaríanse 'máis de 2.000 millóns de euros' para o caso español. A petición baséase na 'chuvia e os danos que sufriron as colleitas en España e a realidade dos custos de produción que teñen agricultores e gandeiros', segundo explicou a ministra á súa chegada ao Consello de ministros de Agricultura da UE, en Bruxelas.
España tiña previsto abordar esta cuestión o mércores, no marco do comité de xestión da UE que forman os Vintesete a nivel de expertos, pero defenderá a proposta xa na reunión dos ministros ao sumarse a Francia. No comité de xestión a delegación española concretará os argumentos cos que defende adiantar os pagamentos da Política Agraria Común (PAC).

Francia formula adiantar de decembro a outubro o pagamento das axudas agrícolas para apoiar os agricultores e gandeiros que sufriron os efectos da seca no norte de Europa. '(A proposta gala) a nós parécenos ben, tendo en conta que o obxectivo é o mesmo, conseguir adiantar os pagamentos da PAC de maneira que o sector da agricultura e gandaría poida ter liquidez abonda e afrontar a situación actual', indicou a ministra.

Te puede interesar