Fontenla non optará a presidir a CEG e ataca as regras de xogo de Alvariño

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla, anunciou hoxe que, despois de tres mandatos, esta vez o seu nome non estará na carreira en que se dirimirá o novo responsábel da patronal galega, que realiza eleccións no próximo día 30, e criticou as regras de xogo do único aspirante até agora.

'Se o que hai é un tema de ir contra alguén, pois entendo que non vou, non se pode loitar contra muíños de vento'.

Confesou este sentir Fontenla nunha comparecencia de prensa no Hostal dos Reis Católicos en que expuxo que a súa decisión chega despois de que moitos compañeiros, 'preocupados' pola candidatura que se coñece, a do responsábel da sección pontevedresa José Manuel Fernández Alvariño -que por terceira vez opta a este posto- pedisen a Fontenla, segundo contou neste mediodía, que concorra el de novo.

Mais 'eu con estas regras non xogo', remarcou o aínda referente máximo da CEG nun discurso que, por momentos, estivo revestido de mensaxes ambiguas. 'Desgrazadamente o tempo o dirá', dará e tirará razóns, avanzou, acompañado por varios representantes empresariais.

Fontenla, que ocupa este cargo desde 2001, lembrou que cando el foi aspirante noutras ocasións, se por algo se caracterizou é por non prometer 'nada que non se puidese facer', por iso 'podo presumir de ser realista, de saber até onde se pode chegar' e non de 'vender as olivas sen plantar a oliveira'.

Neste sentido, cargou contra a proposta de Fernández Alvariño, e dixo que esa 'non é a súa forma de actuar' nin tampouco a de quen o acompañaron neste acto e neste tempo: 'A nós non nos caracterizan os grandes anuncios nin as promesas sonoras e irrealizábeis'.

O construtor coruñés, ao que os seus detractores reprocharon un modelo presidencialista en exceso que desatendía as provincias, mostrouse moi crítico con Fernández Alvariño, ao apuntar que 'mediante componendas e reparticións de poder se asegurou que non poida haber outras alternativas. Eu non participo'.

Debuxou así un panorama turbio coa hipotética chegada a esta institución do referente dos empresarios de Pontevedra, apoiado polas confederacións de Lugo e Ourense, xa que 'se albisca un modelo contrario aos intereses do empresariado' e ante isto 'queremos deixar constancia de que nos oporemos a unha CEG escangallada con só unhas siglas e sen peso'.

Cunha patronal 'forte' sae 'gañando' todo o tecido empresarial, e, en cambio, se está 'debilitada', só uns poucos: 'Talvez isto poida ser beneficioso para algúns dirixentes empresariais, mais quen sairán perdendo serán as empresas galegas a quen se debe esta organización'.

Fontenla insistiu en que non pode xogar cuns intereses diferentes 'aos que marca a lóxica', e ante os que non sucumbiu na súa vida, xa que sería 'como se eu pretendese que a Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) me alimentase'.

Deixou caer así que 'algunhas provincias' queren 'vivir da CEG en vez de ser eles quen alimenten a CEG' e que 'xa foron repartidos fondos e cargos', a pesar de que algúns sexan inviábeis porque requirirían modificar os estatutos.

Neste cadro situou 'o bloqueo' que se dá por parte dunha 'serie' de organizacións que 'dificultan calquera candidatura', a pesar de que non descartou que poida xurdir unha alternativa: 'Neste momento non hai outra, mais non descarto que se poida presentar outra máis'.

Ao ser consultado por se pode reconducir a súa postura, contestou que 'nada é inamovíbel'. No entanto, aventurou que tería que darse 'un milagre' e que 'os que teñen esta filosofía que dixen que a queiran cambiar'.

'Retirarme foi totalmente unha decisión miña, persoal. Creo que fixen xa un labor suficientemente importante, e se en vez de xogar ao fútbol, imos xogar ao rugby, pois talvez eu non sei', exemplificou.

Acerca dunha escisión da patronal coruñesa, que lidera e onde lle quedan tres anos á fronte, remarcou que 'é moi grave' pensar nunha ruptura, 'mais isto non quere dicir que se o que se pretende é aplicar un rolete, e co rolete saquear os dereitos dalgunha asociación, non poida haber ese risco. Non o vexo factíbel mais si que é posíbel'.

Neste momento, baixo o seu criterio, impera en vez dunha 'elección democrática', a máxima de 'temos tantos votos, e os demais, rolete'.

Da presenza mañá de Fernández Alvariño na Coruña, comentou que 'está no seu dereito de facer o que sexa. A política farache ter estrañas amizades de cama, non?'.

Fontenla rememorou que cando el chegou á patronal a encontrou ardendo, cun conflito serio por uns cursos de formación que aínda se dirime agora nos xulgados e cun buraco de sete millóns de euros máis tres de xuros.

Contrapuxo este inicio, hai máis dunha década cando sucedeu o falecido Antonio Ramilo e a CEG 'estaba a punto de desaparecer', co panorama actual, e argumentou que hoxe en día a imaxe é a dunha patronal 'sólida', saneada e afastada de toda sombra de corrupción.

Te puede interesar