Garantir o crecemento económico

Rogelio Martínez, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, comenta o estado do Plan Impulsa na provincia, así como os seus obxectivos e sectores que abrangue.
O pasado mes de xullo presentouse o plan de competitividade ao abeiro do Plan Impulsa, está dando resultados?

O Plan Impulsa dende que se puxo en marcha está dando resultados. Quero destacar que a Xunta está a manter as medidas de discriminación positiva do Plan Impulsa Ourense, e ademais estanse a reforzar nos sectores estratéxicos para a provincia como é o caso do agroalimentario, o vitivinícola, a automoción ou a pizarra. Por outra banda, tamén é certo que a provincia ten carencias que debemos cubrir no futuro apostando por sectores emerxentes como a biomasa, as tecnoloxías ou o termalismo que potencien a ubicación estratéxica da provincia que conecta a Galicia co resto de Europa e con Portugal.

Pensa que Ourense ten potencial para instalación ou mantemento de empresas?

Recordo unha visita que fixemos tanto o Conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda como min a dúas empresas Ammi Technologies e Amg-Anibal Metalmecánica Gallega, situadas ambas no Polígono Industrial de San Cibrao da Viñas, que recibiron axudas dentro das medidas transitorias postas en marcha ao abeiro do Plan Impulsa, e son un exemplo claro do potencial empresarial que ten a provincia de Ourense. mellorar a competividade da economía ourensá.

Qué sectores estratéxicos contempla este plan?

Foi un estudo moi rigoroso onde se fixo un seguemento da actividade económica da provincia e onde as conclusións sitúan como sectores estratéxicos os que van dende ámbitos xa consolidados coma a pizarra ou a madeira; a sectores con gran potencial de desenvolvemento coma o coche eléctrico, o enoturismo, as Tecnoloxías da Información e da Comunicación e as enerxías renovables. O que está claro é que Ourense ten un gran potencial empresarial e precisamente o programa posto en marcha pola Xunta está a reforzalo, coa creación e consolidación de postos de traballo e coa dinamización dos sectores produtivos da provincia. E é que das case 100 empresas que están instaladas no Parque de San Cibrao, o 30 por cento teñen a súa actividade relacionada coas tecnoloxías da información e a comunicación, e o resto teñen unha clara tendencia á especialización en ámbitos coma a biotecnoloxía ou as enerxías renovables, polo que este parque é un compendio de iniciativas innovadoras que sitúa a Ourense coma un referente nas empresas que apostan pola tecnoloxía e o I+D+i.

As empresas realmente queren instalarse en Ourense?

Nós loitamos porque así o fagan, Ourense precisa de actividade industrial e os beneficios de emprender en Ourense son moitos. O Plan Impulsa Ourense compromete axudas mínimas do Goberno galego do 30% do investimento para os novos proxectos das pequenas empresas e do 25% para as medianas. Quixera recalcar que estas axudas están á disposición das empresas que desenvolvan os seus novos proxectos en Ourense e que poderán chegar a un máximo do 50% do investimento subvencionado, e que supoñen un incremento de 10 e 5 puntos, respectivamente, respecto doutros territorios. Ademais tamén existen axudas para ampliacións de proxectos. Se reservará un 15% do Fondo Emprende de Capital Risco para proxectos que se desenvolven na provincia de Ourense. Ademáis comprometémonos a intensificar o compromiso cos sectores estratéxicos e a manter as medidas transitorias que se adoptaron desde o primeiro día da posta en marcha do Impulsa Ourense. Unhas medidas que atenden a calquera emprendedor que aposte pola provincia e tamén ao conxunto de sectores e que farán especial fincapé nos que aposten pola innovación e a internacionalización.

Como se pode conseguir que as empresas se instalen en Ourense?

Hai que abaratar o solo, financiar os investimentos, crear liñas de crédito con subsidiación de tipos de interese e subvencións a fondo perdido para todos os que se queiran instalar na provincia. Sabendo a dificultade da crise adoptamos outro criterio, non só subvencionar a compra de parcelas a través do Plan Impulsa, senón tamén aprazar o pago desas parcelas a tres anos, porque entendemos que é necesario máis que nunca impulsar o investimento produtivo e traballar cun obxectivo final que é o emprego como garantía de benestar, de dignidade e da liberdade das persoas. Medidas como as do Plan impulsa posibilitan conseguir subvencións de ata o 50 por cento dos investimentos e posibilitan, por primeira vez que estas parcelas estean subvencionadas a todos aqueles que se queiran instalar nelas. É unha oportunidade para os investidores, empresarios e emprendedores sabendo que non hai empresas nin investimento sen traballadores. Dende o goberno galego temos o propósito firme de que Ourense se converta nun lugar axeitado para investir.

A día de hoxe seguen existindo moitas diferenzas no desenvolvemento económico de Ourense e doutras provincias como Vigo ou Coruña…

Non é algo que se poida solucionar nun ano nin en catro, é ter unha folla de ruta de cara onde se debe camiñar e penso que estamos na boa dirección. Pense que estes tempos non son bós para ninguén e aínda así hay solicitudes ao abeiro deste plan, e o goberno galego está ahí para axudar a empredendores, pemes e empresas que así o precisen porque son unha fonte importantísima de emprego e é o que hai que incentivar: a creación de emprego. O Goberno galego ten posto en marcha un ambicioso proxecto que é unha aposta polo reequilibrio territorial e un compromiso co interior de Galicia. Debemos garantir o crecemento económico da provincia, a mobilización de activos e a converxencia real ca economía do litoral atlántico galego.

Con que idea se formulou un Plan Impulsa para Ourense?

O obxectivo do Plan Impulsa Ourense foi, desde o primeiro día, xerar o clima que permitirá aproveitar todo o potencial da provincia de Ourense e atraer cara a sí ideas e proxectos atractivos. Grazas a esas medidas logramos mobilizar a día de hoxe preto de 47 millóns de euros, e concedemos axudas a fondo perdido que nos permitiron crear ou manter máis de 300 empregos. Quixera destacar que o Impulsa Ourense é froito dunha profunda reflexión sobre o diagnóstico e sobre as medidas que poden ser máis efectivas. O Plan Impulsa é unha gran oportunidade para xerar riqueza e ese é o compromiso do goberno galego. A través deste Plan dotado con 24 millóns de euros para o ano 2011, cifra triplicada con respecto o ano pasado, subvencionarase a fondo perdido ou parcialmente a tódolos emprendedores que queiran instalar unha empresa ou que queiran ampliar a súa empresa en toda a provincia.

Te puede interesar