Un millar de afectados polas preferentes de Novacaixagalicia claman en Santiago contra a 'estafa'

Foto: Xoan Rey.
A oposición apoia aos afectados e critica á Xunta e PP reprocha a Almunia que non autorizase convertelas en depósitos a prazo fixo
Un millar de afectados polos coñecidos como depósitos preferentes marchou este venres polo centro da cidade de Santiago de Compostela para clamar contra a 'estafa' que denuncian sufrir pola entidade de 'toda a vida' e para reclamar que lles devolvan os seus 'aforros'. Ademais, a plataforma de O Morrazo entregou unhas 3.000 sinaturas ao Valedor do Pobo, que xa iniciou unha investigación de oficio sobre esta 'grave situación', tal e como anunciou este xoves.

A manifestación transcorreu dende a Praza de Galicia ata a sede do Parlamento galego, prolongouse durante máis de dúas horas, e contou con dúas paradas nas que os afectados trataron de forzar a súa entrada en senllas sucursais de NCG Banco, na rúa Doutor Teixeiro, nas que se produciron algúns danos materiais. Con pitos, petardos e tirando ovos cualificaron de 'ladróns' aos directivos da entidade.

Esta acción estivo apoiada polo BNG, o voceiro nacional, Guillerme Vázquez, do cal marchou polas rúas de Compostela xunto á secretaria de Organización, Montse Prado; o voceiro do BNG na capital galega, Rubén Cela; e o deputado nacionalista Henrique Viéitez. Ante o balbordo que se escoitaba procedente da rúa, a deputada socialista María José Caride tamén saíu a coñecer o que sucedía e mostrou o seu apoio aos afectados.

Así, os manifestantes con pancartas nas que se podían ler lemas como 'Hai diñeiro para os altos cargos, xa están fartos, devolvernos o noso diñeiro' ou 'Somos un novo banco cos ladróns de toda a vida' percorreron varias rúas da capital compostelana para esixir que lles devolvan o diñeiro depositado.

Durante a marcha, un grupo numeroso detívose ante a sucursal de NCG Banco de Doutor Teixeiro, que se encerrou para evitar que os manifestantes entrasen, se ben si accederon ao hall onde se atopa o caixeiro automático contra o que lanzaron ovos aporreando portas e cristais con vítores como esta é 'a cova de Alí Babá' e 'mans arriba, isto é un atraco'.

ROUBÁRONNOS'

'Roubáronnos a nós, nós somos as vítimas, están avalados pola xustiza', protestou un dos manifestantes en declaracións aos medios, nas que clamou: ¡Que paguen dunha vez, somos xubilados, xubilados,!'.

Así mesmo, esta mesma persoa denunciou que 'durante dous anos, os sindicatos que estaban dentro da administración das caixas sabían o que estaban a vender, e deixaron vender esta porcallada, porque tiñan incentivos e beneficios, e porque tiñan moi boas pagas e vacacións e 40.000 caralladas máis'.

Pola súa banda, outro dos afectados comentou que escribiu ao defensor do cliente e aínda está a 'esperar unha resposta'. 'Quero saber ata que ano', urxiu este varón, quen reprobou que 'se estean a defender cacos como Gayoso (copresidente de Novacaixagalicia e expresidente de Caixanova)'.

'A Xunta non di nada, os partidos políticos, de que imos, que non veñan a lavarnos a cara, somos traballadores, non hai ninguén millonario, están a abusar do diñeiro que con suor fixemos andando no mar, no estranxeiro, é unha vergoña', sostivo o mesmo manifestante durante a protesta.

APOIO DO BNG E PSDEG

Pola súa banda, o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, esixiu ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que 'non miren para outro lado ante esta estafa'. 'Non é de recibo dar miles de millóns á banca e que non se solucione esta estafa a pequenos aforradores', proclamou.

Guillerme Vázquez afirmou que o BNG esixe 'as medidas legais necesarias para devolverlles o diñeiro aos lexítimos propietarios' e manifestou a súa desconformidade con que se poidan resolver os problemas da gran banca e non a dos pequenos aforradores.

Pola súa banda, o voceiro do Bloque no Concello de Santiago, Rubén Cela, avanzou que no próximo pleno municipal presentará unha moción sobre esta problemática para defender os usuarios.

Tamén a deputada María José Caride manifestou o apoio dos socialistas aos afectados. 'Dende logo teñen todo o noso apoio, porque é un problema de extrema gravidade', sinalou a parlamentaria en declaracións aos medios ante o Pazo do Hórreo, onde a protesta se prolongou durante unha hora.

Caride explicou que se trata de pequenos aforradores que crían que 'invertían nun produto seguro e que podían recuperar o seu diñeiro' e agora se atopan con que 'non poden recuperar os aforros da súa vida'. 'Isto é un problema que esixe unha resposta por parte das institucións e da política', sinalou, e avanzado que presentará iniciativas parlamentarias para 'esixir' que se 'atendan de forma específica' esta problemática.

REUNIÓN E RESPALDO DO PPDEG

Pola súa banda, o voceiro do Grupo Parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, recibiu a unha representación dos afectados na que lle foi trasladada a 'preocupación' deste colectivo e na que o deputado do grupo maioritario expresou que os populares son 'conscientes da situación' e 'solidarios' coa busca dunha solución ao problema.

Así mesmo, Pedro Puy manifestou, en declaracións a Europa Press, que explicou que a Xunta está a 'facer todo o posible' no ámbito das súas competencias, con actuacións por parte do Instituto Galego de Consumo e con 'xestións' co Goberno central.

Con todo, o voceiro parlamentario do PPdeG lamentou que a solución de transformar as preferentes en depósitos a prazo fixo é unha alternativa que desestimou a UE e, en concreto, 'o señor Almunia (comisario da Competencia)', toda vez que para realizar esta acción en caso das entidades con diñeiro do FROB necesitan autorización das instancias europeas. Neste sentido, indicou en que 'se está a traballar nunha alternativa'.

Te puede interesar