NCG Banco vende o 11,1% da conserveira Calvo a Bolton Group

As caixas españolas, que posuían o 22,2% da conserveira galega, pecharon este venres a operación
NCG Banco asinou este venres a venda da súa participación accionarial na conserveira galega Calvo, que era dun 11,1 por cento, á multinacional Bolton Group, propietaria da marca de salsas 'Prima' ou a conserveira italiana 'Rio Mare' en alimentación e 'Omino Bianco' ou 'WC Net' en coidado do fogar, entre outras

A venda forma parte do acordo a través do cal Bolton Group adquiriu unha participación minoritaria en Calvo, ao adquirir o 22,2 por cento de accións que manexaban as caixas españolas a través de Ponto Inversiones e algunhas participacións da familia Calvo.

Segundo explicou NCG Banco, a operación forma parte do seu plan de recapitalización e péchase con 'importantes plusvalías' con respecto ao capital invertido polo banco con sede en Galicia.

NCG Banco estaba presente no conxunto de accionistas de Calvo a través da sociedade Ponto Inversiones, na que tamén participaban Banca Cívica e CCM Corporación. A entidade galega dispoñía do 50 por cento de Ponto Inversiones, mentres que Banca Cívica e CCM Corporación contaban con senllas participacións do 25 por cento.

Fundado a principios da década dos 40 pola familia Calvo en Carballo (A Coruña), Calvo ten unha facturación próxima aos 500 millóns de euros e unhas vendas anuais de máis de 900 millóns de latas. Ten presenza en máis de 70 países e unha forte implantación en Brasil, España e Italia.

Aforro Corporación e Arcano actuaron como asesores financeiros dos vendedores na operación e Vialegis Dutilth actuou como asesor legal. Rabobank e Rothschild foron asesores financeiros de Bolton Group, mentres que Uría & Menéndez foi o seu asesor legal.

Te puede interesar