A Xunta ratifica que propietarios de traídas e os usos gandeiros e agrarios da auga non pagarán canon

Augas de Galicia asina un acordo con UU.AA. e XX.AA. para desenvolver o regulamento de aplicación no rural
O presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, ratificou que os propietarios de pozos particulares e traídas, así como os que utilicen a auga na actividade agraria e gandeira non pagarán o canon previsto na nova lexislación galega.

Menéndez asinou este mércores un acordo de colaboración cos sindicatos Unións Agrarias (UU.AA.) e Xóvenes Agricultores (XX.AA.) para desenvolver o regulamento de aplicación do canon da auga. 'Os sindicatos puxéronse en contacto connosco, preocupados pola aplicación no medio rural', explicou o responsable de Augas de Galicia, que considerou 'moi sinxelo' chegar a un acordo con eles.

Así, explicou que a normativa galega non establece a obrigatoriedade de instalar un contador nas captacións de auga propias e que, con este desenvolvemento, se establecen os mecanismos para non aplicar o canon a pozos particulares e traída nin para os usos agrarios e gandeiros.

Neste último punto, explicou que para que un uso agrícola, forestal ou gandeiro estea suxeito ao canon da auga será necesario que a administración demostre que existe contaminación especial e, para iso, será necesario que o titular fose sancionado en máis dunha ocasión por unha infracción de verteduras nos dous anos anteriores e que exista un informe que acredite que non se cumpren as disposicións do Código Galego de Boas Prácticas Agrarias.

Isto implica que 'o noventa e pico por cento, por non dicir o cen por cento' dos gandeiros estarán eximidos de pagar o canon, afirmou o responsable de Desenvolvemento Rural de UU.AA., Jacobo Feijóo. Neste sentido, o responsable de XX.AA., Francisco Belo, defendeu que estes usos tradicionais 'non estaban a achegar nada negativo aos usos da auga'.

Menéndez apostou por continuar o 'diálogo' coas organizacións sindicais e indicou que o Sindicato Labrego Galego non participa no acordo porque non se puxo en contacto con este organismo. 'A súa actitude foi a de que estabamos a mentir e de que queriamos enganar', reprochou.

SATISFACCIÓN DOS SINDICATOS

Feijóo mostrou a súa satisfacción por lograr este acordo porque 'non vai quedar en boas intencións, senón que vai ir ao DOG e terá unha aplicación'. Así, lanzou unha mensaxe de tranquilidade aos habitantes do rural e aos gandeiros e destacou que sería 'discriminatorio' cobrar o canon para as traídas, pois os veciños responsables destas fixeron 'un esforzo moi importante' para lograr o abastecemento.

Pola súa banda, Bello indicou que o sindicato informará os gandeiros e se felicitou por que se elimine a 'preocupación' de que se aplicaría un imposto máis 'con toda a que está a caer' ás explotacións gandeiras.

Te puede interesar