Ánxeles Cuña: “Os ourensáns aman a súa terra pero teñen que espertar; xogámonos todo"

photo_camera Ánxeles Cuña, baixo o paraguas nas Burgas.

O venres 23 de septembro Sarabela estrena no Auditorio de Ourense 'Normas para saber vivir na sociedade contemporánea'. Ese mesmo día remata unha campaña que pode levar á fundadora e directora da prestixiosa compañía, Ánxeles Cuña (Pontevedra, 1957), ao Parlamento.

"Renunciaría a miña paixón –teatro– e a miña vocación –docencia– durante catro anos". Neta de Alexandre Bóveda e criada por unha avóa que lle inculcou "moitos valores e a necesidade de poñer amor nas cousas que facemos", argumenta este paso político por "conciencia". A mesma razón que a levaba de rapaza a non beber Coca-cola por asociala "aos disparos imperialistas". Nas filas de En Marea chámana "A nosa Manuela Carmena". Ela di que lle chegou o momento de "mollarse". 

Rexeitara varias veces entrar en política. Que ten En Marea para conseguer seducir a perfís como o de Villares ou o seu?

Porque defenden a transparencia real, algo imprescindible ante un modelo tan opaco coma no que vivivimos. A igualdade, a participación. Pensar no ben común. Crer que a política non é "entro, enchufo aos amiguetes e salgo por unha porta". 

E dándolle a volta, que pode vostede  aportar a En Marea? 

O meu sentido ético, a capacidade de traballo. Estou acostumada a traballar horizontalmente, en equipo, a ser flexible e recoller ideas... Todo o aprendido na miña traxectoria teatral e educativa.

Como orientadora escolar, cal é o rumbo dos rapaces do país?

No instituto falaba cos mozos e mozas, repetíalles ese argumento de "prepárate, fórmate e terás un futuro". Todo resultou unha promesa baleira. Viven nunha paisaxe desolada, abandoada. 

Nos mítines repite moito a verba ‘abandono'. 

Ourense é a cidade máis pobre de Galicia. A máis pobre, tendo tantísima riqueza... Por que? Non é unha casualidade. Hai cartos, pero están investidos para algúns, non pensando no ben común. Pobres non somos, pero temos desemprego ou emprego de mala calidade, nenos malnutridos, recortes en Sanidade...O outro día un home que está enchufado á maquina de osíxeno na casa contoume que preguntara aos médicos se podía facelo so dúas horas ao día. Dixéronlle que non, claro. Tiña vivindo con el aos fillos e netos, e non podía pagar a factura da luz. Prefería darlles de comer.

Cal é a cuota de responsabilidade da actual Xunta?

O Bipartito fixo cousas moi ben, pero quedou illado entre as épocas do PP.  Nos oito anos de Feijóo todo xira arredor da crise. Pero a cidadanía non é responsable. E as privatizacións, os negocios que queren montar... tampouco é casual. Recortes? Onde se fixeron? Na protección das mulleres, por exemplo. E Galicia é a segunda comunidade de España con maior taxa de feminicido. Iso que é? Abandono, outra vez. Ou os recortes culturais, salvaxes, que supoñen roubar algo que, como o pan, debería ter acceso toda a cidadanía. 

Nesta crise, parte da esquerda chegou a desconfiar da cultura. Como se fora propia dunha caste privilexiada. 

Non ten sentido. A xente da cultura estivo participando activamente nos movementos sociais e reivindicativos. E a situación cultural de Galicia é outra emerxencia. Traballadores en precario, desaparición de compañías, medio centenar de concellos  sen bibliotecas, golpes as editoriais, falta de apoio ao eido audiovisual... Ou o IVE, unha ferida sangrante. A cultura non é ocio nin negocio. 

“Temos ás pero tamén pés". Está escrito na web de Sarabela, pero podería estar na de En Marea. 

Fai moito que pronunciei esa frase...Todos temos capacide de soñar. Non só as da cultura. En Sarabela traballamos moito na utopía, pero sentimos a raíz, a nosa identidade. Non podes estar no escenario e logo ser unha persoa atalondrada. A conciencia hai que alimentala cada día. Ten todo isto unha analoxía coa política? Si. Hai que soñar para que os soños se cumpran, pero hai que ter os pés na terra.

Leva 40 anos de teatro. 

Hai que dicir que comecei aos dezaoito.. Son moitas realidades e universos. A nivel educativo, a nivel amadora e a nivel profesional. Se escollera tres obras? Unha sería 'A esmorga'. Conciencia, lingua, ese home que vai declarar diante dun xuíz que non o entende... foi iniciática. Outra, 'O lapis do carpinteiro', que nos di dúas cousas que serven para hoxe: "A peor doenza é non ter conciencia" e "Somos como vermes que lanzan fíos. Se eses fíos entrelázanse, faremos un pano inesquecible". Xuntémonos arredor dun proxecto e pode que este país mude. E por último,  'O ensaio sobre a cegueira'. A gran metáfora do noso tempo.  Semella que levamos os ollos para dentro, tendo a capacidade de ollar, non vemos. Andamos polo mundo ás palpas.

Que futuro escribe para a provincia de Ourense? 

O futuro da provincia pasa pola redistribución, a comarcalización e o comercio de proximidade. Apoiar a sectores coma o vitivinícola, que é incrible. O outro día estivemos na casa do señor Lourenzo, ten cepas da época dos romanos. Isto tamén é cultura. En calquera outro país do mundo estaría dimensionadísimo. 

Os ourensáns quérense pouco?

Os ourensáns aman moitísimo a súa terra. Pero teñen que espertar. Xogámonos todo. Por que temos que ser os últimos en todo? Defendamos o noso coma xente do común. Hai que reaccionar, Ourense ten potencialidade dabondo. Pero claro, mazazo, mazazo e mazazo; xusto na testa dos máis desfavorecidos. Unha poboación que temos que atender non por caridade senón por xustiza. E ollar cara o rural, con referentes como Manzaneda e  Davide Rodríguez. Un exemplo de como podemos ser. 

Se o que se vive en Madrid é 'Esperando a Godot', que obra podería interpretar Núñez Feijóo?

'Ascenso e caída de Alberto Núñez Feijóo', adaptando a obra de Brecht. ('Ascenso e caída da cidade de Mahagonny).

Te puede interesar
Más en Elecciones 25-S