ENTREVISTA

Xoán Bascuas: "O PNV de dereitas? Xa me gustaría a política social vasca para Galicia"

bascuasparl4_result
photo_camera Xoán Bascuas, ás portas do Parlamento de Galicia.

O candidato de CxG áXunta de Galicia ten clara a súa receita para o futuro do país: "Galeguismo, socialdemocracia e progresismo"

"Se o sabemos facer fóra, por que non eiquí? Estamos exportando talento a prezo de saldo". Falando como candidato á Xunta por CxG ou coma fillo da emigración, Xoán Bascuas (Rüsselsheim, 1970) ten clara a súa receita para o futuro do país: "Galeguismo, socialdemocracia e progresismo". Tres vórtices do dicurso que este profesor da USC e exdelegado de Vivenda co Bipartito xa manexaba en Máis Galiza, unha corrente do BNG que terminaría marchando no 2012 e integrándose en Compromiso, do que Bascuas é o seu primeiro Secretario Xeral. Coas alcaldías de Lalín, Muros e Vilar de Santos no peto, chega ás autonómicas en solitario, tras rexeitar a confluencia con En Marea. Un movemento para reivindicar o seu camiño, que custou a baixa de xente coma Pérez Bouza, "algo que lamento máis a nivel persoal que político, vivín moitas aventuras con eles"–, pero que non cambia o seu desexo de ser chave nun "goberno de cambio". Pola ditadura da axenda dunha campaña "á pé de rúa, voltando a política ao seu estado orixinal", a entrevista tense que desenrolar por teléfono. Atende en Santiago. 

As enquisas deixan ao CxG fóra do Parlamento. Como variaría esto o rumbo do partido?

Non contemplamos esa hipótese da que fala. Cando un quere visualizar un obxetivo, o primeiro é enfocalo. De todas formas, o futuro de CxG marcarano os afiliados.  

Imaxinemos que CxG acada representación e pode ser chave. Que socios de goberno prefire?

Seriamos soberbios se responderamos a pregunta sen máis. A composición do Goberno farana a cidadanía. A día de hoxe, escoitamos que é necesario despedir ao xefe da cadrilla de demolición. Esto poder ser necesario pero tamén será urxente facer un novo plan de obra e poñer a quen a dirixa. Se se abre a porta a un goberno de cambio, CxG o apoiará. Logo haberá que ver sobre que bases programáticas. 

Estarían cómodos con forzas estatais?

Cómodos con calquera que traia un cambio a Galicia. Non somos sectarios. Haberá que falar co PSOE, co BNG, con En Marea... incluso haberá que falar co PP. Outra cosa son os acordos. 

Apela á transversalidade.

Non, apelo ao diálogo, ao sentido común. Ao que existe en Europa.

Nesa capacidade para falar con outras forzas, poñen máis o foco no identitario ou no social?

As dúas cousas están intimamente ligadas. Vinculamos a calidade de vida da cidadanía con ter máis autogoberno. Falamos dunha tarifa eléctrica galega. Se reducimos o seu prezo, seremos máis atractivos para as empresas de fóra. Isto xeneraría riqueza, servizos sociais. Canto máis autogoberno, máis calidade de vida. 

No 2012 falaba do risco de “perder o tren das nacións que se emancipan". Envexa a Cataluña?

Alertaba de que se houbese un cambio na estrutura do Estado, semellaría que so estarían Euskadi e Cataluña. Agora vemos que Euskadi vai a outro ritmo –a 'axenda vasca'–, e Galicia ten que ter un percorrido diferente. Primeiro encaixarnos nunha España diferente, antes de abrir outros discursos. 
Menciona a Euskadi. A semana pasada estivo nun acto do PNV. Un partido co que en 2014 CxG compartiu papeleta nas Europeas, xunto a CiU e CC.

Alianzas coa dereita nacionalista?

Neste caso o eixe de alianza non é esquerda-dereita, senón a cuestión territorial. Non se lle escapa a ningúen que o PNV leva unha política social que calquera partido socialdemócrata envexaría. Ou mirar para o perfil de forzas coas que pacta en Euskadi, non só en Ajuria Enea, senón nas cidades ou diputacións. Dereita? Non o teño tan claro. Xa me gustaría a política social de Euskadi para Galicia. 

Que lle doe a Galicia?

Fomos perdendo peso específico no concerto de Estado e Europa. Galicia non significa nada do que podería chegar a significar. Non se falou de competencias, nen reforma estatutaria. Ao mesmo tempo, unha política de recortes que non foi solución. Aínda por riba aumentaron as sospeitas de corrupción. Estamos peor que no 2009.

Por onde vai o futuro de Galicia?

Pasa por crer en nós mesmos, en deixar de pensar que o de fóra é mellor so polo feito de ser de fóra. O futuro de Galicia pasa por querernos máis, en pensar que podemos facer calquera cousa, en crernos que non somos máis parvos que ninguén. 

Un discurso moi emocional.

Nos últimos anos alentouse a esperanza e agora a esperanza está a caer na frustación. E é moi dificil retomar a esperanza do que non cría, pasou por elevación a unha ilusión para logo volver a caer no desacougo. É complicado. Pero a política non poder estar illada da emoción. Hai que permitir que o teu latexo vaia ao mesmo ritmo co latexo dos teus veciños. Iso é emoción. A política é emoción porque é parte da vida. Se non se vive con emoción, non é vida. 

A situación de Madrid non axuda demasiado ás emocións.

Eu teño unha hipótese. O PP está gobernando a aburrir á esquerda e a desmovilizala. Para que nunhas terceiras eleccións, por pura matemática, termine tendo un peso específico suficiente para formar goberno. Por eso é tan importante que haxa resistencia a esta estratexia tan fraudulenta. É importante que haxa un Goberno. Esto implica tamén que as forzas do cambio se poñan dacordo. Políticos que souberon alentar o cambio, e que agora están transformando a esperanza en frustración. Un risco moi elevado. 

E Ourense?

O reequilibro do interior ten que deixar de ser unha frase feita. O sector primario ten potencial, e está o termalismo e o turismo do interior, pero hai que buscar máis cousas. Acadar recursos suficientes para que o rural poida vivir ben, cun emprego da mesma calidade que o que debería existir no Eixo Atlántico. Pero Ourense non so é rural. É unha cidade, que ten que explotar o seu potencial. Ourense ten moito futuro.
 

Te puede interesar
Más en Elecciones 25-S