“Cando gañou, Feijóo cambiou o que nos prometera sobre a lingua'

A presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago. (Foto: Cabalar)
Gloria Lago é a presidenta de 'Galicia Bilingüe', un movemento civil 'sen ánimo de lucro e independente' que naceu no ano 2007, co fin de acadar tres obxectivos: que os cidadáns poidan elixir a lingua vehicular no ensino, poñer fin ó adoutrinamento nacionalista nese ámbito e chegar ó bilingüismo na Administración pública. Lago participa hoxe no Foro La Región, no Centro Cultural Diputación, ás 20.15 horas.
De onde xurdiu a idea de formar Galicia Bilingüe?
Naceu dun grupo de pais que tiñamos problemas co ensino dos nosos fillos, porque observamos que a política lingüística ía encamiñada á restrición dos dereitos dos nenos castelanfalantes, por iso pensamos que é un dereito dos cidadáns poder elixir a lingua na que queren que os seus fillos estuden.

Non temen que coa influencia dunha lingua maioritaria como o castelán acaben por non elixir o galego por ser minoritario?
A competitividade entre unha lingua con tantos millóns de falantes, como é o castelán, e outra con moitos menos, como o galego, é un tema complicado e o mercado manda. O importante é que os nenos se sintan cómodos, estudando na lingua que escoitan na súa casa. Esta asociación non se adica á conservación da lingua, pero a imposición non é o camiño de promovela.

A súa asociación afirma que ser galego “é nacer ou vivir en Galicia' pero que “para ser galego non fai falla falar esta lingua'.
Por supostísimo. O 'ser galego' está relacionado coa cuestión xurídico-política, a lingua galega non pode ser un factor de identidade, xa que as cuestións sentimentais son algo persoal de cada quen. Os poderes públicos non deben meterse nese ámbito, porque debemos ter dereito a identificarnos co que nós queiramos.

Critican que as subvencións na cultura “están condicionadas polo uso da lingua galega'...
É algo que nos parece moi empobrecedor, porque se restrinxe o acceso ás axudas públicas a creadores que poden facer cousas moi interesantes en castelán. Outro caso relacionado é que cando se lle paga a unha empresa porque emprega o galego nos seus rótulos, iso non é conservar a lingua, para min iso é comprar ese uso.

Que proxectos teñen en mente para defender o bilingüismo?
Como xa nos decatamos que os sucesivos gobernos de Galicia non teñen a intención de cambiar nada, de feito o señor Feijóo durante a campaña de 2009 recollera as nosas propostas, pero cando gañou cambiou o que prometera e o seu programa incluso é máis impositivo que o do BNG, por iso nós agora centrámonos en recurrir nos tribunais, aínda que nos gustaría que houbese unha lei como a doutras democracias nas que teñen dúas linguas oficiais.

E os propósitos no ámbito cultural?
Seguiremos adiante coa revista 'Vosotros', na que queremos aglutinar ás persoas que contemplan unha Galicia máis aberta ó mundo e na que o bilingüismo sexa unha realidade. Tamén poremos en marcha un premio literario, no que se poderá concursar en calquera das dúas linguas.

Te puede interesar