Poeta

Rosa Enríquez Noya: ’A vangarda poética está escrita en feminino’

A poeta e columnista de La Región Rosa Enríquez (A Rúa, 1969) busca consolidarse nesa xeración da escrita en feminino (as poetas de vangarda) que atopa nos versos a reinvención da súa propia liberación.
Hai unha imaxe potente sobre a que gravita Vestíbulo da Devastación, o mosaico. Resulta doloroso vivir fóra del?

O mosaico é un escenario asfixiante no que se nos sitúa no sitio que interesa para que non demos moito a lata, así que o que resulta verdadeiramente agobiante é estar dentro.

Que valora máis a musicalidade, a evocación de imaxes ou a poética como ferramenta de pensamento?

Faime elexir entre música, metáfora e pensamento. Quédome con todo, porque preciso da musicalidade que dispensa a estructura e disposición dos versos pero tamén da fotografía con forma de metáfora para dicir todo o que levo no pensamento.

Arestora en Galicia hai unha xeración de vangarda, a vostede a chegaron a encadrar aí.

Creo que cando se fala de vangarda no noso país estase a falar dunha escrita en feminino na que a muller xa non é obxecto poético senón suxeito activo que reinterpreta todo o anterior o refunde e, en certa medida, innova dende a posibilidade que dispensa o propio prisma particular, empregando outros soportes como a fotografía, as performances ou internet.

Di Gamoneda que o español é o idioma ideal para transmitir sensibilidade, harmonía...; pensa o mesmo do galego?

Sobre todo do galego, esta lingua de poetas xa dende os albores da poesía, cando esta arte permitía soñar e entreter nos breves repousos entre cruzada e cruzada. Lembre vostede toda a lírica galego-portuguesa da Idade Media. Houbo algo mellor na península naqueles tempos?

Porén, algúns cren que estar dentro dos circuitos galegos e máis doado á hora de editar porque están máis subvencionados?

Creo que o que se está a publicar no país e bo. Non debemos ter medo a defender a nosa literatura nin a nosa lingua. Hai libros malísimos editados en castelán e ninguén se cuestiona nada. No entendo por que. Aquí, en Galiza, existen grandes escritores. Iso é o máis importante, a parte positiva, enriquece bastante máis que a mala leche.

A literatura galega actual avanza ou retrocede?

En narrativa, existen escritores moi bos como Ferrín, Xohán Cabana, Teresa Moure, Rivas, Suso de Toro..., que aínda teñen moita literatura que ofrecer. En poesía, estamos a vivir unha etapa dourada con poetas excelentes.

Como vai o proceso creativo; sofre unha especie de ’horror vacui’ ante a folla en branco?

Existe iso que chaman inspiración, é certo, pero logo debe xurdir o oficio, a entrega, o repouso. Hai que debuxar a folla en branco con palabras.

É canso?

No meu caso, en absoluto. Disfruto escribindo pois penso que os versos poden sanar por dentro e engaloiar o máis prosaico e tedioso.

Por que xurdiu en vostede a necesidade de escribir?

Recordo o que lle dixen no seu día a Fernán-Vello: ’Durante moito tempo sentín que me faltaba algo, unha peza interior do meu crebacabezas pero non sabía que era ata que un día collín o papel e resulta que levaba un poema na barriga’.

Pensa que a poesía pódea abandonar algún día, nese no que xa non teña que dicir?

Cando deba calar, calarei ou fareime ventrílocua e recitarei para dentro. Polo de agora procurarei disfrutar de este parto, do Vestíbulo da Devastación.

E máis complicada a defensa do libro, sobre todo cando o escritor é descoñecido?

Cando un libro gusta deféndese só. Pero leva vostede razón niso de que os escritores coñecidos venden todo o que fan. De todos modos, isto pode ser un arma de dobre fío, facer perder o norte e levantar os pés do chan. Iso é un perigo porque se perden moitas cousas polo camiño. A min non me gusta nada perder cousas sen sentido.

É certo que no mundo literario van a degüello cos afastados de certos círculos?

O dos círculos peréceme unha tea vaporosa que manca e mancha tantas cousas boas... De que círculos me fala? Eu escribo na miña casa, non teño tempo para circular moito e no tempo libre procuro disfrutalo cos que me queren ben.

Hai poetas queridos pola crítica como Manuel Vilanova que rexeita a aqueles que se perden en actos sociais.

Eles saberán como organizar o seu tempo. Eu procuro ser responsable da miña felicidade e do meu traballo.

Te puede interesar