"Temos modelos sociais tóxicos, é necesario unha sociedade menos enfermiza”

O Concello de Celanova organizou, no marco do Día Mundial do Trastorno Bipolar, a proxección de “Non hai espellos nos manicomios” nos centros de ensino e nun acto público na sala dos actos. Un documental no que o celanovés Aser Álvarez recolle a historia de superación persoal de Antonio Tizón, que leva dende os 22 anos loitando contra a enfermidade. 

Que é o trastorno bipolar? 

É un trastorno do estado de ánimo no que tes momentos de euforia desmedida, incontrolada, e momentos de depresión absoluta. Son oscilacións do estado de ánimo que obedecen a causas químicas, non a causas ambientais, 60/40 segundo Ángel Carracedo. Por iso falo de recuperación, porque para a cura se teñen que descubrir os xenes que a producen e, aínda así, sempre quedarán as causas ambientais. Pero si  hai un bo tratamento, e todas as enfermidades mentais o teñen, e unha vida ordenada, pode facerse unha vida normal.  Outra cousa son as pensións asistenciais que se reciben, eu son un privilexiado porque puiden traballar, pero moitos non e iso condiciona moito.

Cal é o papel da sociedade na normalización da enfermidade?

A sociedade, o sistema educativo é moi importante. Estamos vendo modelos sociais que son tóxicos e é necesario educar, producir unha sociedade menos enfermiza, menos tóxica e menos traumática e nese punto entra en xogo o sistema educativo.

Que supoñen estes encontros?

Para min son moi gratificantes. As miñas obras sempre as presento en asociacións de enfermos mentais, porque permite intercambiar impresións e darlle normalidade.  Aínda que esta é a primeira vez que vou a un centro educativo.

A pandemia serviu para romper tabús?

Certo, pero aínda hai moito que traballar. Hoxe en día hai xente que todavía pensa que é vergoñoso recoñecer que tes una enfermidade mental, hai xente que é reacia a falar do problema, tratalo abertamente, ocultando os problemas non se soluciona nada.

E como se solucionan?

Afrontándoos, normalizándoos e tratándoos como se debe. As enfermidades mentais graves e crónicas necesitan case todas un tratamento farmacolóxico básico, que se poden complementar con outro tipo de terapias. Hai que desmitificar o uso maligno da medicación. A medicación é necesaria na súa xusta medida.

Te puede interesar