Carlos Valle Rivera: "Cada Pantalla ten un xeito de bailar, é algo que che sae de dentro"

undefined
photo_camera Carlos Valle, presidente de A Pantalla, fronte ao mural da Praza Maior. (P.P.)

Xinzo encara a fase máis tradicional do seu ciclo entroideiro co Colgamento do meco -hoxe a última hora da tarde- e co Domingo Oleiro, a partir das 12,00 horas de mañá domingo. Este limiao, pola súa banda, afronta o seu segundo Entroido como presidente de A Pantalla, a entidade que participa directamente na organización dos eventos desta fin de semana e que vela polo respeto á figura máis emblemática da festividade limiana, así como ao xeito de “entroidar” máis característico da capital antelana, esa que transforma radicalmente aos que visten un disfraz e agudiza o seu enxeño e retranca. A Pantalla conta, actualmente, con 150 integrantes.

Primeiro Entroido de normalidade logo da pandemia, ¿como afrontan estas festas?
Con ilusión por poder recuperalas do xeito no que as faciamos antes.

En que eventos participa directamente a asociación?
No Colgamento do meco e na procesión dos fachóns dende a sede da asociación, pasando pola Praza de Oriente e ata a Praza Maior. No Oleiro botamos unha man no reparto das olas, pero é unha tarefa máis da comisión.

Qué destacaría do Colgamento do meco?
O meco preside o Entroido. É un día moi bonito para nós porque, ademais, está feito dende o pobo e para o pobo. Recuperouse hai anos. Antes facíase no Corredoiro. Os fachóns simbolizan o feito de que, antigamente, non houbera luces e a xente tivera que recurrir a estes elementos de palla para mover os carros pola noite. Nós mesmos sementamos a palla e fixemos os fachóns.

O Entroido de Xinzo ten unha parte que é moi tradicional.
Para min é a máis importante. Dende a Pantalla loitamos, precisamente, para que non se perda, para que se celebre o Entroido de toda a vida. Nós aprendemos dos maiores e agardamos que os máis novos o fagan con nós. Para este obxectivo facemos distintas actividades no museo e nos colexios. A finalidade é que os cativos entren en contacto coa nosa cultura.

Cales son as normas máis importantes que ten que cumprir unha Pantalla?
O máis importante é ter respeto pola máscara. Depois non descubrirse na rúa, ir vestido de forma axeitada, bailar, coller á xente coñecida que estea sen disfrazar para que pague unha ronda…

Noutros Entroidos hai jornadas previas nas que os personaxes do Entroido entrenan, en Xinzo non se fai esto?
Non porque cada Pantalla ten o seu xeito de bailar. É algo que che sae de dentro, non podes entrenalo. É certo que se baila sobre a punta dos pés e que non imos correndo, senón saltando, pero logo cada unha é distinta. E que nin nós sabemos, porque, eu, por exemplo, aínda que quixera facelo agora -vestido de rúa- non podería, se visto o traxe e a Pantalla, si. 

E como se aprende a bailar?

Saíndo dende pequeniños coa xente maior. Vas copiando deles. 

Que significa o Entroido para Xinzo?

Para min é o máis importante que temos no pobo. Cambia o carácter da xente, todo o mundo está na rúa, alegre…n

Te puede interesar