A danza ancestral das mázcaras conquistou o día grande de Manzaneda

Veciños e visitantes disfrutaron do retumbar dos folións e do xantar popular desta Festa de Interese turístico de Galicia

O patio do colexio de Manzaneda era o punto de encontro marcado como cada ano para dar comezo ao seu gran día de Entroido. Esta festa é declarada de Interese Turistico de Galicia.

Este martes de Entroido déronse cita na vila oito folións procedentes das distintas aldeas de Manzaneda, de Trives e de Vilariño de Conso. 

A ilusión vivíase no ambiente ao poder festexar o seu día grande con normalidade tras os anos de pandemia.

Aínda que a climatoloxía amenazaba con no respetar o día, a chuvia pola mañá mantívose ausente e aínda que deixou escapar un par de pingas, nada ensuciou o día grande do seu Entroido.

Este pequeno municipio ourensán soubo manter as súas tradicións en cada unha das súas aldeas facendo que esta celebración sexan auténticos ritos ancestrais e, ao mesmo tempo, un auténtico espectáculo visual para os centos de visitantes que se achegaron ata Manzaneda a disfrutar desta festa de interese turístico.

Os veciños da Mourela p´acá pedían permiso e a esta solicitude contestaba un veciño de Manzaneda, que aproveitaba un dos versos para apuntar: “aos medios de comunicación pídolle con rabia e pena máis difusión para as mázcaras de Manzaneda”.

Tras o son das esquilas das mázcaras, os bombos comezaban a soar e arrancaba o desfile. Os primeiros en saír foron os do folión da Mourela p´acá, e tras eles seguían Os Labregos, A Lardeira, O fulión de Cesuris, A Caniceira, As Maceiras, Vilariño de Conso e por último o fulión de San Martiño.

Percorreron as estreitas rúas do casco vello da vila e algún dos folións mesmo se achegou ata a residencia da terceira idade.

Veciños de todas as idades participaban en cada un dos folións, deixando claro que hai un relevo xeneracional nesta tradición tan arraigada no macizo central e onde cada un deles ten a súa figura e o seu propio son que os representa.

Xa ben entrado o mediodía abríanse as portas do pavillón municipal, voltando a festexar o seu tradicional xantar onde máis de un milleiro de persoas se sentaban para desfrutar dun menú a base de empanada, chourizo cocido, carne ao caldeiro, bica, viño e licores.

Os camareiros dispoñíanse a servir as mesas animados polo aplauso dos centos de comensais que enchían as mesas do pavillón dispostos a degustar os máis de 1.500 chourizos, 600 kilos de carne e uns 125 kilos de patacas, un menú regado con viño de Manzaneda e no que tampoco faltou o doce máis tradicional da montaña, repartindo 80 bicas.

Te puede interesar