Entroido 2023: A Bonita de Sande

A Bonita de Sande, un personaxe único do Entroido de Ourense. Aquí todos os detalles desta figura

No percorrido da serie “Entroido. Antroido. Entrudio” detémonos hoxe no Concello de Cartelle, máis concretamente no pobo de Sande, onde presumen das súas bonitas

Din os máis vellos do lugar, que a figura da bonita de Sande ten a súa orixe na guerra das Filipinas, cando os que volvían traían consigo eses coloridos mantóns de Manila tan característicos cos que despois se vestirían no entroido. 

Detrás das bonitas que vemos hoxe hai todo un traballo de investigación e a sensibilidade dun grupo de veciños que entre 1995 e 2009, foron quen de devolverlle a Sande parte da súa identidade, un entroido propio.  

Inda que nos seus inicios, o traxe soamente o vestían os homes, e non calquera home, tiñan que ser os catro mellores mozos do pobo, a vestimenta amosa a dualidade entre o universo masculino e o feminino, a bonita leva gravata pero tamén unha saia feita cunha colcha antigua.

O elemento máis característico do traxe é o seu gorro, que está feito con plumas naturais, dos polos ou pavos que teñen os propios veciños e que se van enfiando dunha en unha. O máis difícil de facer é a carauta, ao ser de arame ten que axustarse á cara de quen a vai levar, e vai adornada cuns flocos. Eso sí, e moito máis cómoda cunha de madeira, xa que permite ver e respirar ben e non hai que esquecer que a bonita ten que correr.

Os calzóns, a camisa e as luvas son sempre brancas, a gravata e os flocos das polainas son vermellos e os zapatos e as polainas, negros. A maiores, a bonita leva un vergallo na man co que se encarga de manter a orde.

Pero o entroido de Sande ten outros protagonistas: o oso, a vaca e as avutardas. Vestido con peles e carauta e garras de latón, o oso representa a parte máis salvaxe da festa. Baixa desde o monte, é capturado nas Adegas de Mogos, e conta coa súa propia festa “A captura do oso”. Sae sempre atado cunhas cadeas, suxeito polo seu coidador para que non poida botarse á xente. Inda que o resto do ano permaneza tranquila, a vaca tamén é brava no entroido, cando sae arremete contra todo aquel que se lle cruce no camiño. 

As avutardas son os personaxes máis divertidos, caóticas na vestimenta, cada unha leva o que lle peta, sen sentido, non teñen un papel determinado, o seu é simplemente entroidar.

Te puede interesar