Entroido 2023

Entroido 2023: O Troteiro de Bande

O Troteiro de Bande, un personaxe único do Entroido de Ourense. Aquí todos os detalles desta figura

“Entroido. Antroido. Entrudio” chega a Bande para percorrer cos troteiros as parroquias deste concello da Baixa Limia.

Os troteiros son os encargados de anunciar a chegada do entroido en Bande. Os primeiros que dos que hai constancia datan da década dos 50 do século pasado, despois durante un tempo non se volve ter noticia deles ata os anos 80 cando de novo se escoitan as súa chocas polos pobos do Concello. Uns anos despois desaparecían até que no ano 2000 saía un novo grupo. Os mozos e mozas de Bande foron os que decidiron recuperar o traxe, sentían que era unha mágoa deixalo morrer, así que estreando milenio, 33 troteiros tomaban o relevo. Hoxe hai máis dun cento, de todas as idades. 

Saen o Domingo e o Martes de Entroido pero o seu ciclo comeza xa unha semana antes, o sábado, percorrendo todos os pobos de Bande. 

Levan na cabeza un chapeu de palla forrado de tela, cada un elixe a súa cor, no que van pegadas postais ou fotos. Na súa orixe eran as tarxetas que os mozo mandaban ás súas mozas cando ían á mili. Na parte dianteira vai un espello cuxa función é a de espantar as bruxas. O troteiro leva a cara tapada cun tapete de gancho para non ser recoñecido. Nas costas leva outro tamén, normalmente feito pola nai ou a noiva. O resto do traxe é de cor branca, adornado por fitas de cores, antigamente eses adornos eran as edras que se recollían no campo e as primeiras camelias en florecer. 

Locen unhas polainas de coiro e un cinto con chocas que van soando ao trotar. No caso dos troteiros, as chocas non teñen que ser todas iguais. Na man levan un pau que empregan para meterse coas mulleres e levantarlles a saia. Gústalles moito bailar e subir por todas partes, o seu é saltar. Unha vez vestido o traxe, o troteiro perde o medo as alturas e atrévese ao que faga falla. 

Din que son coma unha gran familia que comparte momentos de moita troula pero tamén moi emocionantes, coma cando van percorrendo as parroquias do municipio, o recibimento dos veciños sempre é extraordinario. De feito, se algunha vez se esquecen de ir chamar a algunha porta, o dono desa casa lémbrallo despois para que non se volva repetir. 

Síntense moi queridos porque saben que a xente está agardando polo son das chocas que anuncie a súa chegada.

Te puede interesar