ENTREVISTA - VIDA

O inverno é un festa con Carlos X. Ares

O PEREIRO DE AGUIAR (ÁREA RECREATIVA MONTERREI). 08/02/2020. OURENSE. Retrato de Carlos Ares, escritor, para suplemento VIDA. FOTO: ÓSCAR PINAL
photo_camera Carlos Ares, autor de "Festividades de inverno na provincia de Ourense. (FOTO: ÓSCAR PINAL)
As festividades de inverno galegas están cheas de historia e arraigo que conforman un patrimonio inmaterial único. Moitas desas celebracións están recollidas en "Festividades de inverno na provincia de Ourense. Máscaras, personaxes e rituais", de Carlos X. Ares. Un libro recibiu o galardón de Ciencias Sociais do XXIII Premio Vicente Risco

As festividades de inverno galegas están cheas de historia, peculiaridades e arraigo que conforman un patrimonio inmaterial único. Transmitidas de xeración en xeración, falan da tradición dun pobo, do seu cerne, e dun xeito de vida que tamén dan forma ao que somos. E moitas desas celebracións están recollidas en "Festividades de inverno na provincia de Ourense. Máscaras, personaxes e rituais", de Carlos X. Ares. Un libro recibiu o galardón de Ciencias Sociais do XXIII Premio Vicente Risco. 

Para escribir tanto e tan ben sobre o Entroido e as festividades de inverno en xeral, ten que ter verdadeira paixón polo tema. Cóntenos.

Nacín nunha pequena aldea de Viana do Bolo, Santo Agostiño, e lembro de neno, en tempo de Entroido, estar agardando a que chegase a visita da comparsa á saída da misa. A época de Don Carnal vivíase intensamente con todo o que representaba. Máis adiante fun vivir a Viana do Bolo e xa formei parte do fulión con 13 ou 14 anos. Daquela, aínda que se tocaba calquera día, para formar parte do fulión no Domingo Gordo había que ir de traxe e era todo máis restrinxido. Tamén formei parte dos encargados da confección das caretas de boteiros.

A verdade é que sempre me sentín atraido pola investigación, a historia e as costumes de Entroido. Seguramente ter nacido nunha zona onde o Entroido se vive intensamente, sumou puntos ao meu interese por todo o que rodea a historia desta celebración.

O PEREIRO DE AGUIAR (ÁREA RECREATIVA MONTERREI). 08/02/2020. OURENSE. Retrato de Carlos Ares, escritor, para suplemento VIDA. FOTO: ÓSCAR PINAL

Como foi a labor de investigación?

O traballo en si prolongouse ao redor de tres anos. Empecei recopilando máscaras e personaxes de diferentes sitios para facer con elas unha listaxe. Pero via que o número ía a máis e máis. Canto máis investigaba, máis aparecían. E eu non quería quedarme só en nomes. Quería ir máis alá. Saber o porqué da súa existencia, como se comportaban ou cal era a relación coas outras máscaras. Así que decidín ir aldea por aldea falando coa xente para que me contase e ir tomando as miñas anotacións. Así ata cubrir case un 60% dos concellos de Ourense e, salvo un par de máscaras das que non hai moita documentación, creo que están recollidas todas aquelas que teñen unha representación notoria na provincia.

En cifras, de cantas máscaras estamos a falar?

No libro recollo ao redor de 390 representacións entre máscaras, personaxes, representacións animais e mascaradas, que é unha representación da parte humana e animal.

Como foi ese percorrido na búsqueda de información pola provincia?

Nas aldeas as veces é complicado conseguir chegar á persoa que ten a información. Pero por medio dun “padriño”, alguén que te poida meter na sociedade dese núcleo, é todo moito máis sinxelo. Pero en definitiva, todo é solidaridade e sociabiilzar. Chegar, empezar a falar e probar todos os viños, licores, chourizos... (risas). Tamén unha profunda emoción. É unha mágoa que non libro non se poida recoller ese arraigo nin as bágoas que lle caían a xente cando me falaban das súas vivencias do Entroido. Da súa nenez, dos que xa non están e o vivían intensamente. Debería haber “follas molladas”.

Contou con moita colaboración?

Non hai unha soa porta na que chamara e non se me abrira. Pero porque é este tema. Un tema que moitas veces necesitan contar, que rebuscan na súa memoria como eran aqueles tempos de inverno na aldea. E eu escoitoos. Téñome ido de sitios nos que me preguntan se xa marcho despois de horas de escoita (risas). Que non é que marche porque xa teño todo, é que teño unha vida familiar e laboral que tamén precisan de mí.

20200228095512970_resultado

Na portada tamén fai un guiño ao femenismo.

Considereino necesario nunha sociedade patriarcal. Elexín a figura da Bonita de Sande porque é femenina, en contraposición a unha maioría das máscaras masculinas. 

En poucas palabras, como definiría o que son as festividades de inverno.

Ourense é o epicentro mundial do que son as festividades de inverno que a súa vez son as festas do rural por excelencia. Hai unha gran concentración e o arraigo e o sentimento que ten a xente cara elas é indescriptible. E de aí as ganas de recuperación da xente nova amparándose no que lle contan os maiores. E, sobretodo as definiría como unha explosión de patrimonio.

Tamén supoñen un pulo para o rural.

Son datas nas que hai un rexurdir das aldeas. Xente que non vive alí o resto do ano se achega nestas datas e, os que residen nelas, ven como o pobo recobra vida e ledicia. Pero ben entendido. Si que hai que potencialo, pero sen perder a súa esencia e personalidade. Atraer xente, pero seguir facendo o que sempre se facía. Hai casos nos que a máscara, ante a asistencia de tanta xente sobreactúa, ou muda a súa función, e aí é onde hai que establecer o límite. Atraer, pero sen perder o raigame.

Que cree que é o que atrae tanto, e cada vez máis, á xente destas festividades?

A lembranza e o arraigo, ademais da vistosidade das máscaras. Os rituais, o volver a xuntarse en grupo para ver a saír a máscara, visitar outra aldea, facer unha comida de confraternidade... sociabilizar. Que en definitiva é o que somos, necesitamos estar cos veciños, sobretodo en inverno que fai frío e pasas máis tempo na casa ao carón da lareira. E esta é a excusa perfecta para saír.

20200228095513001_resultado

Como ve o pasado, presente e futuro do Entroido?

O pasado, impresionante. Toca o corazón. Fáloche de 80, 100 anos atrás.

O presente, con risco de que tanta ansia de recuperación leve a unha mala interpretación do que son as tradicións e se perda a súa esencia. Teñen que estar moi ben recuperadas e triánguladas. Eu, para recollelas e dalas por válidas, teñen que coincidir no relato un mínimo de tres personas, senón caes no risco de que non sexa veraz.

O futuro, creo que mal entendido. Camiñamos cara as reunións de mascaradas en diferentes sitios, fora de contexto. As máscaras teñen que estar no seu espacio temporal e espacial. Penso que estamos a camiñar moito cara a exhibición da máscara, máis que cara a veneración na súa aldea. Ti podes ter un museo, pero a exposición nas rúas, fai que corramos máis cara o escaparate que cara a tradición. Con esto non digo que sexan malas, o espectador pode ver moitas nun día en un espacio, pero... cada máscara ten o seu tempo e sitio.

Que significa para vostede este libro?

Un desexo cumprido. Aínda que sigo traballando e teño novas investigaciós. Pero penso que é a obra que quería facer. Sempre quixen recoller as festividades de inverno de toda a provincia, porque me sinto moi ourensán e moi orgulloso do rico patrimonio que temos.

Recibiu por esta obra o XXIII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, como se sente?

Unha gran alegría. Non o fixen pensando en recibir ningún premio, pero unha vez escrito probei a envíalo. E ser recoñecido pola Fundación é un orgullo.

Algún proxecto?

Estou inmerso coa compañeira Nati Rey nunha laboura de investigación que aínda non podo desvelar. Só direi que tamén é un tema moi galego.

Te puede interesar