O oso marcou os tempos da festa campestre do Entroido nas adegas de Mogos

Os gaiteiros “Somos nós” amenizaron unha xornada de Entroido en Sande que reuniu a uns 250 comensais na comida oficial nas adegas, a base de churrasco e chourizos

O oso volveu facer das súas na súa saída onte polas adegas de Mogos, en Sande. Visitantes e veciños desta parroquia de Cartelle desfrutaron dunha soleada tarde de Entroido onde reinou o bo ambiente e a tradición.

Os gaiteiros “Somos nós” amenizaron unha xornada que reuniu a uns 250 comensais na comida oficial nas adegas, a base de churrasco e chourizos, pero foron moitas as familias con nenos que onte se achegaron ata a carballeira para desfrutar dunha comida campestre a base de tortillas e empanadas.

Despois do xantar, foron moitos máis os que se achegaron as adegas para fuxir do oso salvaxe, que intentaba coller e asustar á xente. Tras a captura, houbo “sopa de pedra” para repoñer forzas.

 As celebracións en Sande continuarán este domingo coa recepción das Bonitas aos fregueses á saída da misa, ás 10,45 horas, e posterior percorrido polas aldeas da parroquia. O luns, pola noitiña, retomarase o folión como nos vellos tempos, e o martes, día grande en Sande, Bonitas, Oso, Vaca e Avutardas desfilarán todos xuntos pola parroquia coa charanga Sorcha a partir de mediodía. Despois, veciños e visitantes compartirán un xantar popular -aínda quedan prazas libres- e, pola tarde, procesión ata o Cruceiro co “toxo licoreiro” e os “números”.

Te puede interesar