REFORMA ELECTORAL

O BNG ataca a iniciativa electoral de Cs e Podemos e propón unha alternativa "máis proporcional"

57dbed0a02fb6 (1)_result
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, propuxo este mércores un método de repartición de escanos que outorgaría á Comunidade galega 25 representantes 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, atacou este mércores a reforma da lei electoral sobre a que coincidiron os partidos Ciudadanos e Podemos e advertiu de que se necesita unha normativa que ofreza "máis proporcionalidade" da que hai actualmente.

Así, entre outras cuestións a cambiar, os nacionalistas galegos apostan por unha circunscrición autonómica única e un método de repartición de escanos que outorgaría á Comunidade galega un total de 25 representantes fronte aos 23 actuais no Congreso.

Ana Pontón presentou este mércores en rolda de prensa unha proposta co obxectivo de que Galicia "teña unha posición" propia nun debate que se está dando no ámbito do Congreso, onde esta formación política actualmente non conta con representación.

A deputada nacionalista advertiu de que, coa proposta de Ciudadanos e Podemos, en Galicia produciríase unha "distorsión" e actualmente o PSdeG contaría con máis escanos que En Marea no Parlamento de Galicia (están empatados en número de deputados pero a formación "rupturista" logrou máis votos nas urnas situándose como segunda forza política).

De feito, esta situación sería a inversa á que acontecería no conxunto do Estado coa proposta feita polas dúas formacións de ámbito estatal. "É importante que Galicia teña unha posición, porque nos afecta de maneira directa. Calquera debate sobre unha reforma electoral ten que basearse nun principio democrático de proporcionalidade", aseverou Pontón.


"Déficits democráticos"


Durante a súa intervención, Ana Pontón criticou que "tanto os vellos como os novos partidos" están "a xogar no mesmo terreo". Así, dixo que "durante moitos anos o PSOE e o PP "defenderon que non se podía reformar" o marco electoral e, neste momento, Cs e Podemos "están a facer propostas que na práctica buscan unha maior representatividade" destas forzas e non paliar "déficits democráticos".

Pontón móstrase de acordo con que a Lei de réxime electoral xeral (Lorex) está "obsoleta", xa que vén do "goberno franquista", pero propón unha reforma que, por exemplo, dea maior proporcionalidade na repartición dos deputados. Neste sentido, expuxo que Galicia, con 2,7 millóns de electores elixe 23 deputados e Castela e León, con 2,4, ten 31 escanos.

Desta maneira, o BNG propón que se teña en conta o censo, e non a poboación, á hora de repartir o número de escanos que lle corresponde a cada circunscrición que, na súa opinión, debe de ser autonómica e non provincial.

Ademais, defendeu que se eliminen as barreiras porcentuais para obter representación fronte á actual situación e se "abandone" a repartición de deputados pola Lei d`Hont, apostando pola `cota Hare`, que implica unha proporcionalidade directa.


Outras reformas


O BNG tamén defende que poidan votar os mozos a partir de 16 anos, tendo en conta que este colectivo xa pode traballar ou emanciparse, e que haxa listas cremalleira (alternancia de homes e mulleres), como "medida positiva a favor da igualdade".

Os nacionalistas galegos tamén queren que se amplíe o voto ás persoas estranxeiras que son residentes e que se suprima o coñecido como `mailing`, de maneira que só haxa acceso ás papeletas o día da votación. Esta medida, engadiu Pontón, suporía un aforro económico e dotar de "maior hixiene democrática" aos procesos.

Finalmente, un dos puntos polos que aposta o Bloque é obrigar por lei a que haxa debates electorais entre as forzas políticas durante a campaña nos medios de comunicación públicos.

Te puede interesar