OPERACIÓN CASIA

Obrigaban a mulleres a prestar servizos de "final feliz" en centros de masaxe de Santiago

Captaban a mozas novas en páxinas de anuncios e obrigábanlles a traballar en condicións laborais simuladas, sendo controladas con cámaras e micrófonos ocultos


A Policía Nacional detivo a dúas persoas no marco da denominada `Operación Casia` por delitos contra os dereitos dos traballadores, relativos á prostitución e contra a intimidade e a propia imaxe por obrigar a mulleres a prestar servizos sexuais en centros de masaxe de Santiago de Compostela e Oviedo.

Segundo informou a Policía Nacional, foron detidas dúas persoas por delitos contra os dereitos dos traballadores, relativos á prostitución e contra a intimidade e a propia imaxe.

A Policía relata que as vítimas eran obrigadas a prestar servizos de carácter sexual en supostos centros de masaxes, tales como "o final feliz ou outro tipo de prácticas se así o decidían os propietarios".

Segundo destaca a Comisaría de Santiago, captaban a mulleres novas en páxinas de anuncios, facíanlles asinar un contrato de confidencialidade e obrigábanlles a traballar "en condicións laborais simuladas ou distintas ás asinadas, sendo controladas con cámaras e micrófonos ocultos".

A Policía practicou dous rexistros nas localidades de Santiago de Compostela e Oviedo, e incautáronse elementos electrónicos de gravación, uns 5.200 euros en efectivo, computadores portátiles e diversa documentación relacionada con estes ilícitos penais.
 

INICIO

A investigación iniciouse en Santiago de Compostela no mes de maio, tras ter coñecemento de que unhas mulleres estaban a ser obrigadas a prestar servizos de carácter sexual en supostos centros de masaxes.

No transcurso da investigación, os axentes puideron pescudar que os responsables captaban a mulleres novas en páxinas de anuncios, facíanlles unha entrevista e contratábanas sen que fose necesario que tivesen formación ou experiencia previa. Ademais, facíanlles asinar un contrato de confidencialidade e obrigábanlles a gardar segredo dos traballos que realizaban na empresa.

Entre as masaxes que debían prestar estaba comprendido, na maioría dos casos, o denominado "final feliz", segundo apunta a Policía, e eran obrigadas a ampliar a outro tipo de prácticas sexuais se así o decidían os propietarios. Se non aceptaban, insinuábanlles que serían despedidas e non cobrarían, nin recibirían indemnización algunha se decidían marcharse.


OPERATIVO

Froito dos labores de investigación, os axentes lograron identificar os responsables dos feitos, un home de 35 anos e unha muller de 23, ambos de nacionalidade española.

De igual modo e coa correspondente autorización xudicial, practicáronse entradas e rexistros en dous centros de masaxes situadas nas localidades de Santiago de Compostela e Oviedo, onde se procedeu á detención dos autores dos feitos.

Nos devanditos rexistros detectáronse numerosas cámaras con tecnoloxía infravermella "para a gravación en condicións de escasa luminosidade, así como micrófonos ocultos en todas as estancias", segundo resalta a Policía.

No marco do operativo incautouse numerosa documentación relacionada con este tipo de delitos, computadores portátiles, uns 5.200 euros en efectivo e elementos electrónicos de gravación de imaxe e son.

Unha vez finalizadas as dilixencias policiais, as dúas persoas detidas na `Operación Casia` foron postas a disposición da autoridade xudicial.

A investigación estivo coordinada polo Xulgado de Instrución número 1 de Compostela e foi realizada polo Grupo Operativo de Estranxeiros da Brigada Local de Estranxeiría e Fronteiras da Comisaría de Santiago, coa colaboración de funcionarios adscritos á Brigada Provincial de Estranxeiría e Fronteiras de Oviedo.
 

Te puede interesar