INDUSTRIA

O agroalimentario e a industria 4.0 abren oportunidades aos mozos

Sta Cruz de Arrabaldo. 25-02-14. Local. Visita do alcalde de Ourense e Áurea Soto ás instalacións de Coren.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Os mozos poderanse cualificar en dous dos sectores estratéxicos galegos: a Industria 4.0 e o agroalimentario. XESÚS FARIÑAS

O programa Emprega Xuventude da Consellería de Economía, Emprego e Industria inclúe axudas a través dun bono de 7000 euros. 

Impulsar a formación e contratación dos menores de 30 anos sen emprego en Galicia é o obxectivo do novo programa Emprega Xuventude, unha experiencia piloto pioneira en Galicia que combina por primeira vez formación e incentivos á contratación para mellorar a situación profesional da mocidade.

A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria inclúe axudas a través dun bono de 7.000 euros. Deste forma, nunha primeira fase, de forma experimental, investiranse 3,5 millóns de euros, financiados a través do Sistema de Garantía Xuvenil, para beneficiar a 500 mozos e mozas que se poderán cualificar e traballar en dous dos sectores estratéxicos galegos: a Industria 4.0 e o agroalimentario. 


O principal obxectivo é ofrecer á mocidade galega a oportunidade de formarse e acceder ao mercado laboral. Para mellorar a súa cualificación, outorgarase un bono de 2000 euros aos participantes, que se formarán nas propias empresas, polo que a formación se centrará nas características do posto para o que é contratado o mozo ou moza. É dicir, a Xunta apoiará un plan de formación adaptado ás necesidades e habilitades do propio posto de traballo. Será, polo tanto, unha formación adaptada á demanda real das empresas galegas. 


Para incentivar a contratación, haberá un segundo bono de 5000 euros -tamén por participante- para empresas de sectores e liñas de negocio empresarial vinculadas á innovación tecnolóxica industrial ou ao sector agroalimentario. Os contratos deberán ter unha duración mínima de 12 meses. Para recibir o bono formación será indispensable que a compañía teña contratado ao mozo ou moza. 


Do que se trata é de identificar novas saídas laborais para os novos perfís profesionais e poder, desta forma, contar con profesionais máis preparados en sectores que precisan cualificación especializada como son os dous nos que se centra este ano Emprega Xuventude. Así mesmo, a Xunta prevé con esta iniciativa axudar ao tecido empresarial galego a gañar en competitividade ao dispoñer de traballadores máis axustados as súas necesidades e contribuír a fixar poboación xuvenil nas vilas e cidades de Galicia. 


Emprega Xuventude forma parte da Axenda 20, a folla de ruta coa que o Goberno galego está impulsando o emprego estable e de calidade adecuando a formación dos traballadores galegos aos perfís profesionais que están demandando as empresas. 


Dirixidas especificamente á mocidade, un colectivo prioritario en todas as políticas activas de emprego da Xunta, na Axenda 20 tamén se recollen as axudas para autónomos e a contratación con nove millóns de euros para beneficiar a 1200 mozos e mozas; ou unha actuación que, dotada con 4,3 millóns, inclúe formación á porta para achegar os cursos a concellos que non contan con centros homologados. Neste caso, a previsión é impulsar a especialización de 2500 persoas. 

Unidades formativas en empresas


No marco da Axenda 20, a Xunta pon en marcha unidades formativas na empresa nas que 120 persoas reciben formación á carta, axustada ás necesidades das propias compañías en tres firmas destacadas en sectores estratéxicos de Galicia: Coasa (aeronáutico), Coren (agroalimentario) e Exlabesa (metalúrxico).

 
A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia con este programa pioneiro o 100% desta formación que as compañías deseñan e imparten de xeito flexible. En total, máis de 4.000 horas de formación. As empresas, pola súa banda, comprométense a contratar como mínimo ao 60% dos alumnos. Neste caso, dos 120 participantes rematarán, como mínimo, cun contrato de traballo a 77 persoas. 


Esta actuación vai dirixida prioritariamente a persoas traballadoras desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG). No caso de Coasa actívase unha unidade formativa de fabricación de elementos aeroespaciais para 15 persoas. Impartiranse 680 horas de formación. En Coren póñense en marcha cinco unidades con 2.500 horas de formación para cualificar a 75 traballadores en especialidades como elaboración de industria alimentaria ou instalacións de climatización. 


No grupo Exlabesa son dúas unidades, en Aluminios Padrón e Quintaglass, de matricería para o estudo e desenvolvemento de técnicas de fabricación de ferramentas para obter pezas en serie. Serán para 30 persoas con 1.160 horas formativas. 


O Goberno galego inviste nesta formación máis de 360.000 euros e nunha segunda fase incentivará a contratación con axudas que poden chegar aos 9.000 euros no caso dun contrato indefinido. Galicia é a única comunidade autónoma que, a través deste tipo de programas de formación á carta, financia directamente a contratación que supere o compromiso de inserción laboral fixado. 


O prazo de solicitude para as Unidades Formativas nas Empresas está aberto todo o ano. Agora veñen de resolverse as dúas primeiras convocatorias, e aínda quedan tres máis para 2017. En total, o Goberno galego dispón dun orzamento de 1.450.000 euros para esta actuación, que responde a unha demanda do propio tecido empresarial galego. Trátase dun orzamento ampliable para atender a todas as solicitudes sempre que cumpran cos requisitos establecidos na orde de axudas.

Te puede interesar