A biotecnoloxía impulsa a innovación nos sectores económicos tradicionais

O tecido económico galego traballa na consolidación da biotecnoloxía como sector clave na dinamización do resto de actividades empresariais da comunidade autónoma, impulsando novos produtos e procesos para o sector lácteo, e reforzando a eficiencia na sanidade animal e derivados, a alimentación funcional e o envellecemento activo, as novas tecnoloxías para a medicina personalizada e a innovación aberta no descubrimento de fármacos. A aposta por este compromiso polo sector Bio contribúe a atraer investimentos e talento á comunidade.

Galicia é unha das principais rexións españolas en termos de creación de empresas no eido biotecnolóxico. Ocupa un papel protagonista a nivel estatal segundo os últimos datos publicados, que destacan que se crean o dobre de empresas deste sector na comunidade galega con respecto á media estatal, converténdose Galicia na cuarta rexión de España: o 2,11% do total de novas sociedades están relacionadas coa biotecnoloxía.

Para contribuír a reforzar as fortalezas do sector Bio e facer de Galicia o mercado con maior velocidade de creación de empresas biotecnolóxicas, o Goberno galego desenvolveu a nova Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2016-2020. Trátase dunha folla de ruta elaborada coa colaboración do sector para axustar a proposta ás súas necesidades reais e para cubrir as expectativas de futuro: 66 axentes, entre empresas, institucións, organismos, asociacións e centros de investigación e universidades, ademais de entidades investidoras que terán un rol clave no financiamento dos proxectos, como Xesgalicia.

Eixos estratéxicos

A Estratexia completa os pasos xa alcanzados con anterioridade en Galicia, como situar a biotecnoloxía como unha ferramenta clave na Estratexia de Especialización Intelixente-RIS3 e convertela nun sector estratéxico da Axenda de Competitividade Galicia-Industria 4.0.

Os obxectivos fixados con este novo proxecto son a creación de 30 empresas biotecnolóxicas en Galicia, crecendo un 15% sobre as preto de 220 coas que se conta na actualidade; acadar unha facturación de 300 millóns de euros, crecendo un 20% sobre os preto de 250 millóns de euros que suman hoxe; xerar 300 novos empregos cualificados no sector, un 25% máis dos preto de 1.300 postos de traballo que existen neste momento; e acadar un recoñecemento internacional de Galicia no entorno biotecnolóxico.

A Estratexia conta con tres eixos estratéxicos, centrados en investigación e transferencia de tecnoloxía á empresa, consolidación empresarial e atracción de empresas tractoras; tres eixos que a súa vez aparecen apoiados por 7 programas de actuación e 42 accións que arrancarán de forma inmediata. 

Estas accións céntranse en iniciativas como Bio-ReAcciona, de apoio á función xestora e comercial; unha Rede de Bio-Aceleradoras; apoio ao financiamento mediante instrumentos financeiros innovadores e colaboración público privada; o impulso ás agrupacións de coñecemento; un Plan de impulso á imaxe de Galicia no exterior; e, en especial, unha iniciativa de compra pública innovadora como panca de tracción. Esta última medida implicarase desde o primeiro momento no proceso de creación de novas tecnoloxías, facilitando o crecemento das empresas galegas e o traballo dos investigadores. 

Conta cun investimento de 200 millóns de euros ata finais desta década, dos cales 125 serán fondos públicos e preto de 75 millóns corresponderán ao capital privado. Deste xeito, a Estratexia completa os 92 millóns en apoio á biotecnoloxía mobilizados entre 2012 e 2015, e que se centraron en proxectos de innovación empresarial, compra pública innovadora, respaldo aos organismos de investigación e financiamento mediante capital risco. Ourense estase convertendo así nun núcleo da innovación dos sectores agrotecnolóxico, agroalimentario e da biomasa, con iniciativas como o programa Agrobiotech, aceleradora da innovación ubicada no CETAL de Lugo e no Parque Tecnolóxico de Ourense – Tecnópole.

Nova convocatoria do Innterconecta

As empresas interesadas en participar na cuarta edición de FEDER Innterconecta teñen ata o 20 de xuño de prazo para presentar as súas propostas, un programa que inclúe o sector biotecnolóxico entre os seus principais referentes.
Galicia é unha das seis comunidades participantes -ademais das cidades autónomas de Ceuta e Melilla- nesta nova convocatoria, que xestiona o Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) co obxectivo de fomentar a cooperación en I+D interrexional mediante o desenvolvemento de novas tecnoloxías con proxección económica e comercial a nivel internacional.

A través deste programa, para o que o CDTI conta con 50 millóns de euros para financiar durante o período 2016-2018 proxectos tecnolóxicos nos que participen consorcios empresariais, búscanse poñer en marcha novas iniciativas nas que a innovación xogue un papel protagonista e permita garantir unha maior competitividade do tecido industrial galego.

Os proxectos poden responder a diferentes temáticas: saúde, cambio demográfico e benestar; seguridade e calidade alimentarias, actividade agraria e produtiva e sostible, recursos naturais, investigación mariña e marítima; enerxía segura, eficiente e limpa; transporte intelixente, sostible e integrado; acción sobre o cambio climático e eficiencia na utilización de recursos e materias primas; cambios e innovacións sociais; economía e sociedade dixital; e seguridade, protección e defensa. As solicitudes para optar a estas axudas terán que realizarse a través da sede electrónica do CDTI (https://sede.cdti.gob.es).

O programa Innterconecta desenvolveu 172 proxectos nas súas tres primeiras convocatorias, con especial mención á participación acadada na última edición, á que se sumaron un total de 144 empresas que, a través de 67 proxectos innovadores, promoven o avance de Galicia en eidos como o agroalimentario, as TIC ou a automoción. Galicia logrou captar o 40% dos fondos totais para España, sendo a segunda comunidade, despois de Andalucía, cun maior número de proxectos aprobados e liderados.

Te puede interesar