INDUSTRIA

A eficiencia enerxética achega os procesos produtivos á Industria 4.0

A eficiencia enerxética é un dos principais retos de presente e futuro da Industria 4.0, favorecendo a redución do consumo de enerxía e a emisión de gases contaminantes, o que redunda nunha diminución de custos nos procesos produtivos e unha mellora competitiva na industria. Neste contexto, a Xunta multiplicou por seis este ano o orzamento destinado a promover a eficiencia enerxética no sector servizos e no industrial. 

Estes factores son clave no camiño cara a industria 4.0 que busca a Axenda da Competitividade Galicia– Industria 4.0. Así, a cuarta convocatoria deste programa do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), que estivo aberta durante os dous primeiros meses deste ano, permitiu poñer a disposición das empresas galegas 9,5 millóns de euros co obxectivo de impulsar arredor de 300 proxectos. Neste caso, préstase especial atención ás pequenas e medianas empresas, que puideron optar a axudas de ata o 40%.
A defensa de políticas enerxéticas innovadoras e que fomenten a proliferación da fábrica intelixente tradúcese en riqueza e retorno económico para a comunidade galega, e polo tanto trátase dun obxectivo prioritario para a Xunta porque produce beneficios en dous sentidos: o ambiental e o económico, é dicir, contaminar menos e aforrar máis.

De feito, estímase que estas axudas da Xunta xerarán un investimento conxunto de máis de 32 millóns no tecido produtivo e, sobre todo, contribuirán á adopción de medidas para acadar un aforro enerxético de case 11.000 toneladas equivalentes de petróleo ao ano e un aforro económico de 10 millóns de euros por exercicio; ao tempo que crearán 430 empregos, o 60% deles directos, evitando a emisión á atmosfera de case 19.000 toneladas de CO2  ao ano. 

Entre as actuacións que as empresas que aspiran a mellorar a súa eficiencia enerxética e avanzar cara á fábrica intelixente, figuran a implantación de sistemas de procesado avanzado de datos e intelixencia artificial aplicados á optimización do consumo enerxético. A finalidade é dotar as industrias beneficiadas de programas capaces de reaxustar, de xeito sistemático, algúns dos seus parámetros en función das experiencias pasadas e, así, optimizar o consumo.

Unha das iniciativas que se incluíu por primeira vez este ano é a realización de auditorías enerxéticas que analicen de forma integral o proceso produtivo da empresa e, no eido da mobilidade, a substitución de vehículos por outros máis eficientes que empreguen combustibles alternativos.   

Para completar este programa de axudas, tamén destacan os proxectos centrados na mellora dos equipamentos consumidores de enerxía do proceso produtivo industrial; a implantación de luminarias máis eficientes; a renovación dos equipos de produción de calor ou frío; a instalación de sistemas de aproveitamento de enerxías renovables; ou a implantación de sistemas de xestión enerxética certificados conforme a norma ISO 50.001. 

Aforro no consumo

Todas estas actuacións buscan contribuír á redución dos consumos nos sectores industrial e de servizos, que en Galicia representan o 45% e o 9% do consumo de enerxía final, respectivamente. Segundo diversos estudos sectoriais e auditorías realizadas polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), a porcentaxe de aforro de enerxía nestes sectores coa posta en marcha de medidas de aforro e eficiencia ascende ata o 15% para o sector industrial, e pode chegar ao 30% no sector servizos. Desta forma, o Goberno galego dá continuidade a un programa que, nos seus tres primeiros anos, permitiu desenvolver 303 proxectos, que están a mobilizar máis de 18 millóns de euros no tecido empresarial da comunidade.

PROXECTOS DE BIOMASA

Na consolidación das políticas de eficiencia enerxética xoga tamén un papel estratéxico a implantación de caldeiras de biomasa. Neste eido a Consellería de Economía, Emprego e Industria, mantivo tamén abertas axudas por máis de 8,4 millóns de euros, dos cales 5,4 centráronse en proxectos dirixidos a empresas, institucións sen ánimo de lucro e administración pública, e 3 millóns para persoas físicas no medio rural. 
A través da Estratexia integral de impulso da biomasa 2014-2020, a previsión da Xunta é que, a finais da década, Galicia estea aforrando cada ano 70 millóns de euros na compra de combustibles fósiles, cree 1.000 novos postos de traballo no ámbito da biomasa e mobilice un investimento que roldará os 500 millóns de euros, valorizando 270.000 toneladas de biomasa anuais e evitando que se emitan á atmosfera 246.000 toneladas de CO2 ao ano.

DIMINUÍR ATA UN 35% O CONSUMO ELÉCTRICO NOS FOGARES

A eficiencia enerxética está tamén ao alcance dos cidadáns, que poden aplicar unha serie de pautas sinxelas que lle permiten aforrar no consumo enerxético e, ao mesmo tempo, evitar emisións contaminantes á atmosfera. 
Prescindir da luz artificial cando non é estritamente necesaria; utilizar tecnoloxías de aforro en iluminación de baixo consumo; instalar sensores que apaguen ou regulen a iluminación artificial; optar pola renovación de fiestras para evitar as fugas de calor; unha correcta climatización das vivendas ou un adecuado funcionamento dos electrodomésticos poden, sen renunciar ao confort, diminuír o consumo enerxético anual ata un 35%. 

Cada vez é máis importante contar con esta conciencia medioambiental, posto que o consumo de electricidade das familias galegas tense incrementado na última década ata supor o 30% do total autonómico, unha cifra que implica un gasto medio anual en enerxía de 2.600 euros, distribuídos maioritariamente no consumo de calefacción e vehículos. Os cidadáns poden resolver as súas dúbidas a través da Guía práctica de aforro de enerxía, que se pode consultar na páxina web do Inega (http://inega.es/publicacions/guias).

Te puede interesar