Fidel Martínez: "As empresas deben unirse para solucionar o problema do transporte escolar"

photo_camera Fidel Martínez, presidente de Autos González.

O presidente de Autos González señala que "non tiña que ser moi difícil crear a mancomunidade de autobuses"

Fidel Martínez leva medio século no sector do transporte de viaxeiros por carretera. Preside Autos González, aínda que a xestión diaria desta compañía afincada en Ourense e Vigo está nas máns dun fillo e un sobriño. Fidel recoñece que a situación do sector é complicado e os retos, difíciles: as empresas viven do transporte escolar pero cada vez hai menos nenos na provincia, e o transporte regular que recorre a provincia transporta poucos viaxeiros. Pide unidade das empresas para capear este complexo asunto.

¿Que análise fai do momento actual ao que se enfrentan as empresas de transportes de viaxeiros?

Estamos pasando por uns momentos moi críticos porque o único que mantén a actividade das empresas é o transporte escolar. O último contrato que firmaron as empresas coa Xunta foi no 2010 e con vixencia ata o 2020 e neste momento todos estamos preocupados porque como hai tan pouca facturación os perigos son moitos. As inversións son moi grandes porque os autobuses valen moito diñeiro, e as empresas están moi preocupadas polo que vai pasar no 2020.

Como se acaba o contrato haberá un novo concurso, pero xa non sabemos por cantos anos vai a ser ese servizo e como vai a ser porque os servizos poden caer ata un 50%, polo tanto, pode ser que sobren autobuses e as empresas teremos que ver o que se fai con eles. Hai medo tamén a que haxa empresas que vaian aos concursos á desesperada. Sería importante que se meditara esto fríamente e que se chegara á conclusión de que temos que estar unidos, non en contra da administración, que é o mellor cliente que temos, pero teremos que ir regulando o transporte e ir introducindo precios que permitan amortizar os investimentos nos autobuses e poder manter a man de obra que temos, que é grande.

¿Que facer para manter un servizo como o de transporte escolar nunha provincia que cada vez ten menos nenos?

É certo que ise é o principal problema. Por iso digo que as empresas debemos ser o suficientemente intelixentes para buscar a unión, que é o único que nos pode salvar. Deberíamos saber repartir o pouco transporte escolar que vai quedando. Cos colexios que temos todos sabemos hasta donde podemos chegar ata o 2020, porque estamos vendo que non hai nenos. Si eu teño agora 20 transportes escolares e sei que teño que reducir unha cantidade, polo menos sigo naquelas zonas onde o estou facendo e non estou tirando cos prezos para lograr o mercado doutras empresas. Si facemos iso, alomenos subsistiremos aínda que teñamos que ir vendendo os autobuses a medida que vaian caducando, pero polo menos intentaremos sobrevivir.

¿É factible esa unidade a que vostede invoca?

Polo menos temos que intentar esa unión porque temos un exemplo do que pasou en Valencia. Acaba de saír a concurso o transporte escolar e fíxose unha unión temporal de empresas con todos os transportistas menos un. Entraron nesa unidade coa condición de que cada transportista seguía facendo o transporte escolar que viña facendo. Si eu na miña zona sigo facendo o servizo que viña facendo, si o transporte escolar nos deixou un 10% ou un 15% pois mala sorte, pero polo menos imos manténdonos porque senon sería unha catástrofe.

¿Tampouco parecen ir mellor as cousas no transporte de viaxeiros, precisamente polo despoboamento do rural?

Nós temos aquí en Ourense unha ruta pequeniña e temos outra en Ribadavia pero é tamén pequena. É certo que as empresas tamén están sufrindo moito porque a situación vai unida ao que falabamos antes. Hoxe xa non se concibe ningunha empresa de servicio regular que realmente non faga o transporte escolar combinado co regular porque deste xeito aproveitas os coches, as rutas e o persoal para facer os dous servizos porque sinon non sería rendible. A situación está claro que é moi difícil porque pode darse a situación que unha ruta que fas hoxe, dentro duns anos xa non hai viaxeiros que transportar. ¿Qué ocurre? Que a Administración tense que ir dando conta diso para autorizar ás empresas a adaptar os servizos aos viaxeiros que hai porque si vas andar co autocar vacío iso non leva a nada.

¿Está sendo sensible a Administración a todos estes problemas? Está claro que moitos deles véñenselle encima.

Totalmente. Está sendo sensible, pero está claro que todos queremos ter os menores custes posibles. Nós como empresa temos que colaborar coa administración, pero ela tense que dar conta de que, por exemplo, non se poden facer os contratos ano a ano cando fas unha inversión en vehículos a varios anos porque hoxe podes ter un servizo e dentro dun ano xa non. Como mínimo os contratos deberíanse facer cada cuatro ou cinco anos para amortizar a inversión.

Autos González liderou hai dez anos un grupo de empresas para a concesión dos urbanos de Ourense. Pasados estes anos, ¿aquilo foi un acerto ou un erro?

Bueno, cando vas aos concursos o que queres é gañalos e cando o consigues pensas que iso foi un acerto, o que pasa é que démonos conta que non chegou a haber os viaxeiros que se esperaba e entón o servizo non é rendible. Este ano termina e veremos o que pasa co novo concurso porque está claro que non se pode ir nas mesnas condicións nas que fomos nós.

¿De quen foi o problema? ¿Das condicións do contrato?

Bueno, nas bases non se tuvo en conta que non se podía facer o servizo na Valenzá. Contábase cunha serie de viaxeiros nesa ruta que non se pudo facer. Falábase daquela que o servizo urbano podería transportar ó ano máis de oito millóns de viaxeiros e podíanse conseguir porque os datos daban que crecíamos. Pero logo veu a crise e frenou a venta de pisos, polo tanto novas urbanizacións que non necesitan autobús, provocou paro e menos necesidade de transporte porque a xente aforraba todo o que podía e iso foi determinante.

¿Optarán a outro contrato pese a dicir que non é rendible neste momento?

Si, temos pensado volver pero con outras condicións que o fagan rendible.

Vostede falaba antes de unidade. ¿Cómo é posible que non haxa esa unidade para sacar adiante o transporte metropolitano da cidade e os municipios circundantes?

Non tiña que ser difícil pero isto creo que debemos achacarllo ós políticos porque si o Concello é dun color e a Xunta doutro, non hai entendemento. Debemos de entender que a Xunta é a propiedade das rutas e o transporte urbano é propiedade do Concello. Está claro que todas as empresas queren entrar na cidade e descargar nos mellores sitios pero ao Concello non lle interesa que as empresas entren na cidade usando as súas paradas e co billete dunha empresa que non é a concesionaria dos urbanos. Tiña que haber un entendemento e non temos que ser os transportistas os que negociemos. Son os propios concellos e a Xunta os que teñen que levalo adiante pero onde está o problema é no precio do billete para determinar quen vai subvencionar e que parte é a que se subvenciona.

¿É competitivo hoxe un servicio de viaxeiros en autobús dados os múltiples sistemas de comunicación que hai?

É moi difícil competir pero solamente se consigue cuns servizos que realmente teñan as menos paradas posibles e con vehículos de moita calidade. De todas formas, o que ten un coche particular non se para a pensar si é máis rentdible ir no tren ou no autobús porque leva o seu coche. A mentalidade de que se aforran os cartos deixando o coche na casa é moi difícil cambiala.

¿É unha satisfacción ver que hai continuidade familiar no negocio?

Totalmente. Para min é unha gran satisfacción e cando teño algún familiar que necesita un traballo a miña ilusión e poderllo dar. O meu fillo e o meu sobriño traballan na empresa e están moi metidos. Para min é unha ilusión e o que lles pido é que sexan serios, honrados e traballadores porque do traballo sae todo.

Te puede interesar