INDUSTRIA

Galicia gaña en innovación grazas ao talento dos profesionais máis novos

INNOVACIÓN
photo_camera O programa Principia busca estimular a demanda de persoal preparado para realizar proxectos de innovación.

A innovación e o talento son os dous eixes fundamentais para incrementar a competitividade das empresas galegas e acadar un maior crecemento económico

A innovación e o talento son os dous eixes fundamentais para incrementar a competitividade das empresas galegas e acadar un maior crecemento económico e de benestar para as familias. Por iso, Galicia ten entre os seus obxectivos a posta en marcha de iniciativas que permitan captar e reter talento innovador na Comunidade para acometer proxectos vinculados á I+D+i.

Entre estes programas destaca Principia, pensado para a contratación -por parte das empresas e centros de coñecemento da Comunidade- de investigadores e tecnólogos  novos (os participantes deben ter menos de 35 anos) e con pouca experiencia laboral (o máximo son 36 meses). Búscase, deste xeito, favorecer o desenvolvemento da súa carreira profesional ofrecendo en moitos casos o primeiro contrato, xa que nesta segunda convocatoria será o primeiro emprego para case a metade dos beneficiarios.

Co programa Principia tamén se busca estimular a demanda no sector público e privado de persoal preparado para realizar proxectos de innovación que para as empresas suporá unha importante mellora no seu nivel de competitividade.

Esta iniciativa vai pola súa segunda edición e entre as convocatorias de 2016 e 2017 favorecerá a contratación de máis de 300 mozos e mozas por parte de máis dun centenar de empresas e unha vintena de organismos de investigación. Ademais, a Xunta leva destinados 3 millóns de euros a este programa que mobilizará 8,3 millóns no sector co obxectivo de fomentar o emprego de calidade e contar, así, cun capital humano preparado que se converta no principal factor diferencial á hora de mellorar a capacidade innovadora do tecido empresarial galego.

Precisamente, na convocatoria deste ano, a Xunta quixo primar a calidade dos postos de traballo creados, polo que entre os requisitos empregados á hora de valorar as solicitudes presentadas destacaron o salario, a posibilidade de formación ou o tipo do contrato. Deste xeito, conseguiuse que a metade dos contratos sexan de carácter indefinido, que os custos medios por contrato, incluídos os custos laborais e os da seguridade social a cargo da empresa superen os 30.000 euros, e que o 93% dos contratados reciban formación á cargo da compañía.

O programa Principia aposta por crear emprego de calidade

Xunto co impulso á calidade na contratación, este ano houbo outras novidades como unha maior flexibilidade nos requisitos que os contratados teñen que cumprir, así este ano poden optar a un posto de traballo os titulados en FP superior e non só os universitarios, mentres que a experiencia máxima ampliouse ata os 36 meses. Esta iniciativa enmárcase na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) que ten por obxectivo, dentro das súas liñas xerais, apostar polo talento vinculado á innovación.

APOIO AOS CENTROS TECNOLÓXICOS

Consciente de que a innovación é unha das mellores armas para afrontar os retos do futuro económico e mellorar a competitividade do tecido empresarial galego, a Xunta está a apostar pola retención e captación de talento como xeito de aportar ese coñecemento ás empresas e industrias da Comunidade.

Xunto con programas como o Principia, o Oportunius ou as Unidades Mixtas de Investigación, o Goberno galego conta con outros instrumentos para impulsar a I+D+i galega apoiando aos centros tecnolóxicos e aos centros de apoio á innovación a través dos contratos-programa.

As empresas galegas incorporarán máis de 200 investigadores

En concreto, a Xunta destina 1,87 millóns de euros a 8 centros para favorecer a consolidación e potenciación de liñas estratéxicas de investigación que posibiliten a súa transferencia ao mercado. Estes centros son: Aimen, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), Anfaco-Cecopesca, o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Energylab, o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) e o Centro Tecnolóxico da Auga (CETAQUA).

Estes apoios súmanse aos 1,34 millóns de euros que a Xunta destina á sinatura de contratos-programa cos centros de investigación sanitaria da Fundación de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Ramón Domínguez; a Fundación Profesor Novoa Santos, a Fundación Biomédica Galicia Sur, e a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, así como cos centros galegos do Instituto Español de Oceanografía e do Consello Superior de Investigacións Científicas.

Promóvese así a excelencia científico-técnica e a posta en valor do coñecemento, impulsando tamén a colaboración co tecido empresarial para potenciar o impacto na competitividade das empresas e o crecemento da economía galega. 

Nos últimos catro anos a Xunta destinou máis de 14 millóns de euros aos contratos programa que permitiron a creación ou mantemento de 430 postos de traballo cualificados.

Os contratos-programa son unha fórmula que garante a súa competitividade e que implica o cumprimento de esixentes indicadores de xestión e de resultados por parte de cada centro para determinar as súas dotacións. A actividade destes centros permite dar emprego en Galicia a máis de 1.800 persoas que realizan 700 proxectos de innovación anuais prestando servizo a 2.500 empresas.

Te puede interesar