INDUSTRIA

As prazas de abastos posiciónanse como espazos para o emprendemento

A creación de emprego de calidade e a posibilidade de fixar poboación no rural galego son dous dos principais retos que hoxe en día se marcan os concellos galegos con menos poboación.

A esta convocatoria poden presentarse municipios con menos de 20.000 habitantes, que teñen de prazo ata o próximo 18 de xuño. Dentro da liña de colaboración cos concellos, a Consellería de Economía, Emprego e Industria dispón de máis de 1,4 millóns de euros para este programa. En total, poderanse beneficiar máis dunha vintena de concellos con axudas de ata 70.000 euros e o 70% do investimento a realizar para habilitar áreas nas que os emprendedores poidan exercer a súa actividade comercial. 

O proxecto dá prioridade a aquelas iniciativas que se desenvolvan nos municipios máis pequenos, así como aquelas que incorporen máis espazos para a comercialización de produtos locais, o que favorecerá o cumprimento dos obxectivos que se teñen marcado. Polo tanto, prímanse os proxectos dos concellos que incorporen un maior número de puntos de venda, que inclúan a adopción de medidas de Responsabilidade Social Empresarial, que fomenten a utilización das novas tecnoloxías ou que aposten pola supresión de barreiras arquitectónicas, ademais daquelas iniciativas nas que se incorporen enerxías alternativas ou a reciclaxe ou eliminación de residuos.

Este programa tamén busca un contacto máis directo entre administracións e emprendedores. Por este motivo, os concellos que traballen na posta en funcionamento dun Espazo Activo tamén deberán realizar actuacións que favorezan a difusión, o asesoramento e a formación de todas as persoas que se mostren interesadas en participar. 

Así, os concellos contemplarán nas súas propostas aspectos como o aumento da rendibilidade do posto de venda con técnicas de visual merchandising, a colocación do produto e as fórmulas comerciais que impliquen unha mellor atención ao cliente. 
Contando co novo programa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria leva activadas este ano, ao abeiro desta folla de ruta, convocatorias de axudas por máis de 7 millóns de euros, centradas en eidos como o smart commerce e a modernización comercial, a transmisión xeracional, o impulso ao asociacionismo no sector ou, neste caso, o emprendemento.

Campaña nos mercados
O programa de Espazos Activos en­márcase na estratexia de impulso ás prazas de abastos desenvolvida pola Xunta, dentro do cal o pasado mes de maio se realizou a campaña Quere o teu Mercado.

Nesta iniciativa cuxa celebración en Galicia impulsou por segundo ano a Consellería de Economía, Emprego e Industria, participaron preto de 90 prazas de abastos de toda Galicia, case o dobre que o ano anterior, e case 3.000 praceiros. 

No marco de Quere o teu Mercado desenvolvéronse na comunidade distintas propostas para visualizar e promocionar as prazas como pezas clave do comercio de proximidade. Entre as actuacións específicas promovidas pola Xunta co sector celebrouse o sábado 28 de maio o Día do Mercado. 

O obxectivo da celebración en Galicia de Quere o teu Mercado é poñer en valor a calidade e a profesionalidade das prazas galegas. A nivel internacional o lema escollido foi Mercados, a túa opción saudable!, sinalando a contribución das prazas de abastos a unha alimentación equilibrada, achegando os mellores produtos locais e contribuíndo á creación de riqueza e emprego.

Entre as distintas actividades que se celebraron incluíronse degustacións gastronómicas, actuacións musicais e teatrais, charlas informativas e iniciativas nas redes sociais, ou sorteo de agasallos, entre outros. Moitas das propostas centráronse en achegar as prazas de abastos aos máis pequenos. Así, concellos e comerciantes organizaron visitas de escolares, obradoiros musicais e de cociña. 
Ademais, distribuíuse un conto infantil editado pola Xunta co obxectivo de presentar aos máis pequenos estas instalacións dunha forma amena e divertida.

Tamén se presentou unha nova APP móbil, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da cal os usuarios poden acceder de forma rápida a información sobre os mercados, prazas de abastos ou feiras tradicionais máis próximas, que se poden buscar nun xeolocalizador.

Os que descarguen a aplicación de Mercados e Prazas de Galicia poderán consultar desde os seus dispositivos a ubicación e os horarios de apertura, os servizos dos que dispón, así como acceder a enlaces directos ás webs, perfís nas redes sociais, e á tenda on line daqueles mercados que dispoñen dela. Así mesmo, terán acceso ás novas máis relevantes neste ámbito, e darase difusión aos eventos que se celebren nos diferentes mercados, así como ás accións de fidelización que nestes se propoñan. 

Actividade internacional
Quere o teu Mercado (Love Your Local Market), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano contou coa participación de mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, Hong Kong, Estados Unidos e Canadá. A iniciativa leva nesta edición a nivel internacional o lema Mercados, a túa opción saudable!, facendo fincapé sobre a contribución das prazas de abastos tanto a unha alimentación equilibrada como á creación de riqueza e emprego.
 

Te puede interesar