Alfredo Conde: "Hoxe fálase menos e peor galego que hai 40 anos. Estamos a facer algo mal"

O escritor, Alfredo Conde.
photo_camera O escritor, Alfredo Conde.

Escritor, exconselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Alfredo Conde será o primeiro ponente nun Foro La Región do 2023

Alfredo Conde (Allariz, 1945) será o primeiro ponente do ciclo organizado polo Foro La Región en 2023, e farao falando do seu último libro, “A conto do literario”, onde volve contestar a preguntas que non se lle fixeron no seu momento. O Foro celebrarase o xoves 12, ás 20.30 horas, no centro cultural Marcos Valcárcel. 

En “A conto do literario” di que responde preguntas que non lle fixeron pero que lle terían axudado se llas fixeran, pode dar algún exemplo?

Para iso hai que ler o libro. Pero, por exemplo. Por que me presentara ao premio Nadal? Que motivacións tiña para facelo? Que necesidades me empurraban? Falar por falar é moi doado, pero saír adiante é máis complicado. Daquela estaba nun momento complicado economicamente, necesitaba cartos, e presenteime a un premio. Isto fixérono moitos antes ca min, e despois fixérono outros tantos, pero a min tocoume recibir e non puiden responder.

É entón unha forma de respostar a críticas que non considera certas?

Sempre aceptei moi ben as críticas. Tampouco nunca tiven problema en valorar unha obra independentemente de quen sexa o seu autor. Sempre fuxín de prexuízos nin perseguín a un tipo porque non pensara igual ca min. Así, gustaríame que comigo ocorrese o mesmo.

En “En canto a Fraga” tamén respostaba a preguntas nunca feitas. É o que o motiva a escribir?

Antes de que eu fose a Cuba con Fraga, outros diputados de esquerdas e de dereitas foran ao extranxeiro co presidente Albor e non pasara nada. Cando fun eu, formouse a de Dios. Daquela tiven a boca pechada. Eu teño fillas e netos, e isto xa o falamos entre nós, pero pareceume que tiñan máis valor as cousas que lles contaba se era quen de poñelas por escrito. Que miñas fillas e meus netos o vexan por escrito, xa cambia algo, e con iso me quedo.

Foron esas críticas o prezo a pagar por ser un verso libre?

Si. Sempre fun un can sen dono. Non son quen de estar sometido a unha disciplina de partido.

Quedou a gusto despois de contestar?

Quedei. Tanto quedei como que neste ano, en marzo ou en abril, sairá “A propósito do político”.

Polo tanto, obxectivo era aclarar os feitos ou cambiar a percepción dalgún feito, como o premio Nadal?

Antes e despois de gañar eu o Nadal, outros fixeron o mesmo ca min, e ninguén chiou. Ás veces penso que me viñeron os premios moi pronto e moi seguidos. Gañei o Nacional de Literatura, saio de aí e noméanme conselleiro, saio da Consellería e danme o premio á mellor novela estranxeira en Italia, logo gaño o Nadal… Penso que houbo quen dixo: “Ese está gañando moito. Hai que baixarlle os fumes”. E baixáronmos.

Para uns de esquerdas, para outros de dereitas. Para uns galeguista, para outros españolista. Como se considera vostede?

Son un escritor convencido de que Galicia é unha nación cultural e nese ámbito me comporto. Dixeron de min que era un traidor á lingua galega e non hai escritor vivo que publicara máis ca min en galego. Creo na nación cultural de Galicia, creo na miña cultura e deféndoa dende moi neno. Aos 10 anos comecei a escribirlle cartas ao meu pai en galego, e levo escribindo dende aquela. Iso é o que conta e o que non se conta.

En todos estes anos coñeceu moi ben os panoramas literarios galego e español.

E moitos outros. Eu sobrevivín como persona e como escritor por aí fóra. A miña novela de Romasanta saíu antes en ruso ca en galego e en español. Teño 11 libros publicados en Rusia. Sete ou oito en Australia. Teño en chino, en portugués. Fixéronme doutor honoris causa en Melbourne. Fóra teño un recoñecemento que non equivale o de aquí. Que non é que o de aquí non importe. Aquí teño un dos máis emotivos, ser fillo predilecto de Ourense, grazas aos meus compañeiros de bacharelato. Creo que teño recoñecemento entre a xente, onde non teño o lugar que creo que me corresponde é no sistema literario galego.

Quizais fóra non existan prexuízos sobre a persoa e se valora tan só a obra?

É evidente. Onde vives é máis doado que coñezan os teus defectos. Fóra non saben esas cousas e só valoran a obra. Pero iso acéptoo como normal.

Que sentimento lle produce que o galego xa non sexa a lingua máis empregada en Galicia?

Hai dúas preguntas fundamentais que levo formulando moitos anos, dicindo que estamos a facelo mal. Fálase máis galego hoxe ou hai 40 anos? Non, hoxe fálase menos. Fálase mellor galego hoxe ou hai 40 anos? Non, hoxe é peor. Polo tanto, estamos facendo algo mal. E parece que isto está moi mal visto. Semella que hai que dar unha versión optimista, namorando á xente… pero estalos a namorar a base de complicarlle a vida. Non hai ningunha cohesión. Creo que hai cousas que son comúns e que tiñamos que afrontar entre todos sen diverxencias, e non se fai porque non hai vontade.

E como se invirte esta tendencia?

Con vontade de facelo. É unha decisión colectiva. Fixamos uns puntos mínimos comúns e, a partir de aí, diverxemos o que queiramos. Pero confrontamos cando teñamos avanzado, e, ao meu xeito de velo, estamos retrocedendo. Iso si, non toda a culpa é nosa. Eu pregúntome: vai haber unha rectificación daqueles que dicían que o castelán se estaba a perder en Galicia? Xa imaxino que non. E nós imos aceptalo. Mexan por nós e hai que dicir que chove.

Sería posible un esmorecemento da lingua e da cultura hai 40 anos?

Sería moito menos dramática a situación que a de hoxe. Recordo agora o libro de Alonso Montero: “Informe dramático sobre a lingua galega”. Moitos deberían relelo. É evidente que despois de 40 anos isto está moi deteriorado. O galego de hoxe está practicamente dialectalizado do castelán. Só se emprega un “bo galego” na literatura e na vida académica. O outro, o de verdade, o que nos legaron, escarallámolo.

O galego do común.

Do que hai que partir. E partir cun mínimo afán diferencialista, porque toda a fraseoloxía galega e a riqueza cultural que nos legaron, onde está? Un neno que aprenda galego agora nunca saberá canto era un ferrado ou un celemín. Temos que manter as cousas que nos trouxeron ata aquí.

Te puede interesar