Foro La Región

Ana Pontón: “Temos que pór o vento ao servizo de Galiza e non das grandes eléctricas”

La portavoz nacional del BNG, Ana Pontón, presentó los puntos estratégicos del partido para hacer "un gran país" en el Foro La Región celebrado este jueves en el Restaurante Gastro-Bar Sanmiguel. También defendió la candidatura de Luis Seara a la Alcaldía de Ourense

 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, foi a protagonista do Foro La Región celebrado onte ás 10,00 horas no restaurante Sanmiguel, onde fixo fincapé na necesidade de “pensar Galiza en grande, xa que é un país cun enorme potencial, con sectores estratéxicos con futuro e con xente traballadora e creativa”. Así, asegurou que non comprende “como é posible que un país así estea quedando atrás”, aínda que deu dous factores “polo que isto ocorre”: o primeiro é “un goberno galego sen ambición nin proxecto, que pon os seus intereses diante dos dos galegos”; o segundo é “o centralismo, ou máis ben o ‘Madridcentrismo”, definindo a esta comunidade como unha “aspiradora que absorbe recursos, poboación e investimentos goberne quen goberne na Moncloa”. Así, Pontón enumerou dez propostas que o BNG ten para o futuro.

Reforzo dos servizos públicos

Pontón indicou que “un país avanzado é aquel que coida á súa xente e que non a discrimina por onde viva ou polos seus recursos”. Así, cre que o futuro pasa “por uns servizos públicos fortes”. Fixo fincapé no caso da atención primaria, un servizo que “sufriu recortes por máis de 2.000 millóns de euros nos últimos 14 anos”, polo que ve urxente un novo modelo no que se adique o 25% do orzamento da Consellería de Sanidade á atención primaria. Tamén subliñou a necesidade de reverter a “precariedade e falta de persoal” e de crear novas especialidades como a psicoloxía clínica, para que “todos poidan acceder á saúde mental independentemente dos seus recursos”. Por último, engadiu a necesidade dun novo modelo de residencias.

Poñer Galiza a producir

Para cumprir este obxectivo, os nacionalistas propoñen a creación do Instituto Galego de Crédito que “evite peches de empresas e dea músculo económico aos proxectos estratéxicos”. Pontón marcou como obxectivos chegar a que a industria represente o 25% do PIB en 2030, así como a mobilización de 100.000 hectáreas de terra abandonada no rural da comunidade autónoma.

Ciencia e innovación

Neste eido instou á creación dun instituto galego para potenciar a ciencia e a innovación e achegar a inversión nesta materia ao 2,5% do PIB.

Novo modelo enerxético

A líder do BNG remarcou que “estamos a favor da transición enerxética, sempre que sexa xusta e democrática” e que “non imos aceptar que desde Madrid, se lle aplique a Galicia un expolio por terra e por mar simplemente para que se lucren as eléctricas. Temos que por o vento e os nosos recursos naturais ao servizo de Galiza”. Para isto sería clave “ter unha compañía pública de enerxía” e “unha tarifa eléctrica galega que nos compense por ser produtores de enerxía”, unha medida que xa existe noutros países de Europa e que provocaría que as eléctricas que explotan os recursos naturais en Galicia teñan que tributar no territorio.  

Máis autogoberno

O quinto obxectivo é “avanzar en autogoberno político e financeiro”, con ferramentas “para decidir sobre o noso futuro”. Así, anunciou que “solicitaremos 35 novas competencias ao Goberno central tras 14 anos sen ter adquirir ningunha nova”.

Infraestruturas

“É fundamental que fagamos competitivos os nosos portos e aeroportos, que aproveitemos a chegada do AVE a Ourense e que xestionemos as nosas autovías e autoestradas”, afirmou.  Ademais, propuxo Pontón a creación dun ente ferroviario propio para vertebrar o país, tanto a nivel de pasaxeiros como de mercadorías.

Relación con Portugal

Os nacionalistas queren crear unha delegación permanente en Lisboa, así como potenciar proxectos comúns “que beneficien á megarrexión Galicia-Lisboa, unha das máis competitivas de Europa”.

Sociedade máis xusta

A violencia machista é outro dos eixos do programa do BNG e, de chegar ao goberno galego, tratarán de investir un de cada cen euros a “garantir unha sociedade xusta, igualitaria e sen violencias machistas”. Ademais, Pontón esixiu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que se posicione sobre a proposta do PP de legalizar os ventres de alugueiro.

Lingua 

“Todos os galegos debemos sentirnos orgullosos de ter unha lingua propia e unha cultura propias. Son fonte de riqueza e unha gran oportunidade”, destacou. Por iso, apostan pola creación do Instituto Rosalía de Castro para “promover a internalización da nosa cultura”. Ademais, aproveitou para reivindicar o “Ourense cultural que foi un referente creativo”. 

Inflación

A continuación, Pontón fixo unha análise “da crise de prezos que se vive en Galiza, un proceso no que as grandes empresas obteñen beneficios históricos mentres a xente non é quen de chegar a fin de mes”.

Sobre a situación de Ourense de cara ás eleccións municipais, sinalou que “Luís Seara é a única garantía para deixar atrás catro anos de abandono e desastre en Ourense”. Así, Pontón amosouse convencida de que “o BNG vai obter un resultado histórico nestas eleccións, con máis alcaldes e con máis concelleiros”.

Ourense, "un diamante"

Preguntada polos asistentes ao Foro La Región, a portavoz nacional do BNG reflexionou sobre a chegada e o impacto dos fondos europeos, unhas axudas “cuxa xestión non responde ás expectativas creadas”. Ademais, criticou o reparto destes fondos, “xa que, ao distribuírse dende Madrid, a nós chégannos as migallas”. Tamén foi preguntada pola vivenda de protección oficial, que “a día de hoxe invístese menos que hai 14 anos”. Reivindicou unha aposta decidida por este tipo de vivendas en réxime de alugueiro, xa que en Galicia representa o 1% da oferta de vivenda, unha cifra moi distante do 9% da media europea.

Por último, asegurou que “Ourense é un diamante en bruto que ten un enorme potencial na súa cultura, no seu patrimonio. Necesitamos realmente que haxa un proxecto de país porque Ourense non pode ser unha burbulla”. “Queremos escribir un Ourense en cores”, finalizou a súa intervención xusto despois de defender a democracia para ter “unha Galiza xusta”.

Te puede interesar