Foro La Región

Etnografía e arqueoloxía, eidos renovados por Nós

Xulio Rodríguez y María Xosé Fernández.
photo_camera Xulio Rodríguez y María Xosé Fernández.
Xulio Rodríguez e María Xosé Fernández protagonizan hoxe a conferencia 

A edición do Foro La Región que acolle hoxe o Centro Cultural Marcos Valcárcel ás 19,30 horas leva dobre título. Por unha banda, "A arqueoloxía en Galicia, de Nós a nós". Será Xulio Rodríguez, director do Museo Arqueolóxico, o encargado de lembrar o traballo desenvolvido pola agrupación galeguista no que respecta a este campo do saber, baixo o liderado de Florentino López Cuevillas. 

Ademais, María Xosé Fernández, patroa do Museo do Pobo Galego, centrarase no estudo dos costumes do país baixo o título "Etnografía e museos de Galicia, de Nós a nós". A conferencia, que presenta o arqueólogo Francisco Fariña Busto, poderá seguirse tamén a través de streaming na páxina web deste xornal, www.laregion.es.

Os dous protagonistas do foro explicarán como o grupo Nós puxo á arqueoloxía e etnografía galegas á altura do que se estaba facendo en España e Europa. "A irrupción de Nós e o Seminario de Estudos Galegos supuxo un revulsivo para a cultura galega, que trala irrupción da Guerra Civil tardaría décadas en recuperarse. Trouxeron movementos intelectuais que estaban a espallarse por toda Europa, onde todo estaba en plena efervescencia", explica Fernández. 

Agora, décadas despois, a etnografía deu novos pulos: "Coa recuperación da democracia a finais dos anos 70, xurdiron inquietudes máis modernas que introducen novas correntes, como as estruturalistas. Consolidouse unha escola da antropoloxía social, cultural e filosófica, na que se basean os estudos sobre os galegos de hoxe en día". Así, na actualidade se traballa sobre presupostos novos, pero mantendo a admiración polo labor, adiantado á súa época, que o grupo Nós levou a cabo. 

Xulio Rodríguez, Director do Museo Arqueolóxico de Ourense: “López Cuevillas é o pai da arqueoloxía galega"

xulio_resultado

Florentino López Cuevillas foi a figura esencial. O arqueólogo ourensán Xulio Rodríguez destaca como este intelectual "asumiu a responsabilidade de buscar alicerces para un novo país a través da arqueoloxía. A nivel de Galicia, o seu traballo supuxo unha revolución total deste eido nos seus métodos e técnicas, xa desde a prospección, coas famosas xeiras, catalogando así moitas das comarcas galegas", destaca o director do Museo Arqueolóxico. 

Grazas á súa conexión con Europa, accederon a bibliografía nunca antes coñecida en Galicia. "No epistolario de Cuevillas, publicado hai pouco, vemos como se relacionaron con investigadores portugueses, e o coñecemento do que se estaba facendo fóra serviu para interpretar o que se realizaba dentro de Galicia. Nesa época, sistematizan a arqueoloxía do país, e hoxe Cuevillas é recoñecido como pai da arqueoloxía galega", defende Rodríguez. 

Esta xeración, con el á cabeza, supuxo unha fonda renovación da arqueoloxía, por exemplo no emprego da estratigrafía -lectura dos diferentes tempos xeolóxicos a través do estudo da secuencia de rochas estratificadas- nas escavacións. 

María Xosé Fernández, Patroa do Museo do Pobo Galego

"Vicente Risco e o seu discípulo Xaquín Lorenzo, Xocas, analizaron respectivamente a cultura espiritual de Galicia, o intanxible, e a cultura material", explica María Xosé Fernández, vogal do Consello de Goberno do Museo do Pobo Galego. 

Para darlle un gran pulo á etnografía -estudo dos costumes humanos- en Galicia, o grupo Nós "recolleu as novidades que se estaban a producir en Europa, especialmente en Portugal, pola relación intensa. Tamén tiñan constancia do que se facía en Francia ou Alemaña, sistematizando unha disciplina que apenas comezaba a considerarse como materia de estudo estruturado", engade Fernández. 

A súa maior innovación, prosegue, foi "o traballo multidisciplinar, asociando diferentes seccións -perspectivas desde campos diferentes do saber- para o estudo dunha mesma zona", todo cunha posterior posta en común para construír o coñecemento. O papel que lles correspondeu no campo da etnografía foi sustentar as inquietudes rexionalistas que naceran coas Irmandades da Fala: "O Partido Galeguista necesitaba articular, desde a ciencia e o coñecemento, unha realidade galega de seu". 

Te puede interesar