"O Grupo Nós atopou a xénese do pobo galego na cultura castrexa"

A historiadora María Xosé Fernández e o arqueólogo Xulio Rodríguez protagonizaron unha nova edición do Foro La Región

María Xosé Fernández, patroa do Museo do Pobo Galego (e a única muller na fotografía da súa i-nauguración), e Xulio Rodríguez, director do Museo Arqueolóxico de Ourense, protagonizaron o Foro La Región que tivo lugar onte no Centro Cultural Marcos Valcárcel e foi retransmitido tamén a través da páxina web de La Región, www.laregion.es. 

O encargado de presentar aos dous conferenciantes foi o arqueólogo Francisco Fariña, que os definiu como "compañeiros de rueiros físicos e mentais", e ademais á herdanza do Grupo Nós como "o sentimento de pertenza" a Galicia.  

NÓS, O REVULSIVO

"Falar en Ourense de Nós, sendo de Vigo, é un pouco atrevido", recoñeceu Fernández ao comezo da súa intervención, na cal destacou o "revulsivo total" que supuxo o traballo levado a cabo en Galicia entre 1920 e 1936, creando "un legado insuperable para un período tan curto". E Fernández precisou tamén como foi en tempos convulsos cando nacen as Irmandades da Fala e o Partido Galeguista, e algo despois eclosiona o Grupo Nós. Recordou como "o rexurdimento literario en Galicia desenvolveuse en paralelo co rexionalismo político de Alfredo Brañas, e o Seminario de Estudos Galegos deu un paso máis aló, xa dentro dunha esfera nacionalista, e acuñan entón o mito do celtismo, aínda hoxe vixente e motivo de intenso debate". 

Destacou Fernández a Risco como "o responsable de articular toda esta metodoloxía e liña de pensamento", e como os galeguistas se viron influídos pola teoría da supervivencia, segundo a cal o que permanece na memoria do pobo vai conformando unha tradición popular. E vería a luz de forma tardía unha das cúspides da etnografía galega cando no 62 se publica en Bos Aires "Historia de Galicia" de Otero Pedrayo, que disocia a cultura material e espiritual. 

mg_4177_resultado

Por último, Fernández subliñou a proliferación dos museos durante as últimas décadas:  "O turismo coñeceu unha gran expansión, e todos os concellos queren revestir con eles os seus reclamos turísticos". 

TORRES DE MARFIL

Pola súa banda, Rodríguez comezou a súa intervención facendo referencia a un artigo de Cuevillas, "Dos nosos tempos", que , segundo defendeu o director do Museo Arqueolóxico de Ourense, "marca un punto de inflexión no compromiso social, político e cultural, abandonando as torres de marfil nas que habitaban, lonxe do resto da sociedade". 

E neste proxecto de país ideado polos homes de Nós desde a cultura e a ciencia, "Cuevillas asume o compromiso estratéxico de identificar aqueles fitos históricos que sirvan de alicerces para, sumados ás propostas doutros campos, sirvan para edificar un novo ideario", engadiu. "No 23, o Seminario de Estudos Galegos significa a renovación da cultura e a investigación en Galicia, porque a súa irrupción supuxo a súa sistematización e renovación metodolóxica, con novos métodos como a aplicación do principio estratigráfico, que provén do mundo da Xeoloxía", proseguiu Rodríguez, quen remarcou como "as xeiras son a expresión máis orixinal e xenuína que tiñan os membros do seminario. Consistían en excursións científicas a unha determinada comarca, primando a integración de diferentes disciplinas. Figueira Valverde definiunas como 'moito máis que alegres caminatas'. O máis importante delas era a conversa entre expertos de diferentes campos e alumnos e mestres. Un diálogo que valía por moitos libros", comparou Rodríguez. "E non queda unha época, inclusive o paleolítico, sen ser tratada por eles". Iso si, remarcou, "será a cultura castrexa á que se lle preste máis atención, ao atopar nela a xénese do galego, o xerme do pobo galego que o individualiza en relación con outros pobos do entorno", recordou. E así foi como se organizaron xeiras de catalogación de castros en Verín, Celanova ou O Carballiño. Despois, a guerra "pecha unha época brillante na cultura galega, e marca o exilio, a represión e o silencio obligado para estos representantes da cultura e a ciencia".

mg_4203_resultado

 Non obstante, o xerente do Museo Arqueolóxico ourensán gabou, pensando no Grupo Nós, "a súa vida ao servizo dunha idea e unha causa, o galeguismo e o desenvolvemento cultural de Galicia". 

Te puede interesar