Foro La Región

Luis Seara: “A política das festas e do asfalto ten que rematar”

Luis Seara.
photo_camera Luis Seara

Luís Seara cre que Ourense “pode converterse en referente en Europa”

O candidato do BNG á alcaldía de Ourense, Luís Seara, foi o encargado de presentar a Ana Pontón. Ademais diso, fixo unha análise da actual situación que vive unha cidade vítima “da antipolítica”. O nacionalista cargou contra aqueles que “sacrificaron o ben de Ourense para manter os seus privilexios e os seus postos”, erixíndose a si mesmo e ao seu partido como nuha alternativa “seria, ilusionante e de futuro que quere ser protagonista do cambio na cidade”.

Seara enumerou varios dos problemas máis urxentes que ten a cidade, como o despoboamento da zona histórica, onde quedan menos de 4.000 veciños e só o 9% dos baixos comerciais están ocupados. Para isto, urxiu a aprobación “dun plan de dinamización económica do Casco Vello”. Tamén en materia urbanística, recalcou a importancia de actualizar o PXOM para lograr “atraer inversións, riqueza e benestar para a cidade”.

Así, repasou outros proxectos que o BNG pretende facer na cidade de ter responsabilidade de goberno a partir do 28 de maio: soterramento da avenida Otero Pedrayo, liberación da praia de vías na estación intermodal da Ponte, reforma da Praza de Abastos, revitalización da zona histórica, dotar de novos equipamentos a finca Santamariña ou un novo estadio e unha cidade deportiva no barrio do Couto.

O candidato nacionalista á alcaldía da cidade insistiu en que “Ourense é unha cidade con moitísimas posibilidades para converterse nunha urbe referente a nivel europeo, tal e como comprobamos nas nosas reunións en Bruxelas”. Por último, cre que “a política das festas e do asfalto ten que rematar. Ourense merece máis e merece un equipo de persoas á fronte do goberno que deixe a pel para que a xente recupere o orgullo de ser de Ourense”. Rematou dicindo que “nas mans dos veciños está saír do colapso e abrir un tempo novo”.

Te puede interesar