FORO LA REGIÓN

“O maio do 68 en Galicia foi unha revolución universitaria e sexual"

Vicente Araguas observa interpretar unha canción a Miro Casabella durante o Foro La Región celebrando no Marcos Valcárcel (XESÚS FARIÑAS).
photo_camera Vicente Araguas observa interpretar unha canción a Miro Casabella durante o Foro La Región celebrando no Marcos Valcárcel (XESÚS FARIÑAS).

Miro Casabella interpretou poemas de Manuel María e Celso Emilio mentres Vicente Araguas fixo un relato de Voces Ceibes

Vicente Araguas non descarta volver a gravar algunha das cancións que lle quedaron pendentes da época de Voces Ceibes, o colectivo no que agromou a canción protesta galega. Aquelo foi no maio do 68, en Santiago de Compostela, gracias a un grupo de universitarios revolucionarios. "O maio do 68 galego foi unha revolución estudantil, pero tamén sexual", conta Araguas. Acompañouno en protagonismo no Foro La Región de onte Miro Casabella. É o último de Voces Ceibes. A única voz de denuncia en activo daquel grupo. "Gloriosamente en activo", puntualiza Araguas. Os dous explicaron a orixe deste fenómeno, unha referencia histórica.

Vicente Araguas falou do gran movemento estudantil que provocou que o 26 de abril do 68 a facultade de Medicina de Compostela se convertese na sede do nacemento de Voces Ceibes. Os músicos facían cancións protesta, a maioría a partir de poemas. Os de Celso Emilio Ferreiro foron moi recurrentes. "Hai moito cantante que botou man de Celso Emilio, pero tamén xente que musicaba os seus textos, coma Miro", comentou Araguas, que fuxe do concepto "canción protesta" e prefire a de tendencia, denuncia ou belixerancia.

Miro Casabella reencontrouse co pasado entre o público. Antes do acto fixéronlle entrega dun programa do 1974 onde participou cos seus recitais. O músico recuperou a biografía que entón facía de si mesmo: un rapaz do rural, fillo dun tendeiro e neto dun cantor de coplas. Namorouse–"coma un tolo", puntualiza–da filla do cego. Foi a Barcelona, empezou a tocar a guitarra e a aprender no conservatorio o primeiro que soubo da música. Casabella explicou a importancia da súa canción "O meu país", baseada nun poema de XoánManuel Casado, e que interpretou no foro. "Dende que a vin por primeira vez e lle puxen música a esta letra, identificoume. Identifícame co lugar ao que pertenzo. Galicia pasaba por momentos moi difíciles e segue pasando por eles. Esperamos que os nosos descendentes poidan superar estes momentos e avanzar como país", relatou, antes de coller a guitarra para pronunciar o seu discurso favorito, o da música.

"O idioma é a chave/coa que abrimos o mundo/o salouco máis feble, /o pesar máis profundo. /O idioma é a vida, o coitelo da dor, o murmurio do vento, a palabra de amor", cantou Mirabella. É o poema "A fala", de Manuel María.

Seguiu con "Longa noite de pedra", do recurrido Celso Emilio Ferreiro. "É unha lembranza, aínda que non estiven alí, sentín as badaladas de A Berenguela", comentou Casabella en referencia á noite na que os pioneiros de Voces Ceibes ofreceron o seu primeiro recital, no Paraninfo da facultade de Medicina compostelá.

Te puede interesar