FORO LA REGIÓN

Marian Rodríguez: "As ONG somos obxectivo militar; non interesa que contemos o que pasa"

___foto_mariam_para_cartel_result
photo_camera A pediatra Marian Rodríguez Blanco.

A pediatra Marian Rodríguez Blanco comparte hoxe no Foro La Región a súa experiencia como voluntaria na oenegué Médicos Sen Fronteiras. A cita, en colaboración co Colexio de Médicos de Ourense, será ás 20,00 horas no centro cultural Marcos Valcárcel. 

Oriúnda de Cangas do Morrazo, a doutora formouse en pediatría no Hospital Cristal Piñor de Ourense do 1994 ao 1997. 

Como xorde o seu interese por Médicos Sen Fronteiras?

Traballar cunha oenegué foi algo que tiña pendente. Saín dúas veces. A primeira vez fun a Afganistán, un país sen unha estrutura sanitaria. Traballabamos en centros de saúde que eran levados totalmente por nós. Tamén estiven en Kenia durante 10 meses. Foi unha experiencia diferente. Neste caso, é un país cunha estrutura sanitaria que non está mal pero o VIH-Sida supuxo un golpe porque, de repente, era imposible para o gobierno keniata asumir todo ese gasto. 

Que lle aportaron estas viaxes?

Persoalmente, aprendes a relativizar as cousas porque ves contextos nos que realmente a vida é moito máis complicada. Eu sempro poño de exemplo que cando viñen de Afganistán, dinme conta que despois dun ano non mercara ningunha peza de roupa. Tamén, me chamou a atención que, por exemplo, en España os nenos cando van poñer unha vacina, se teñen algo de febre xa non se lle aplica. Sen embargo, en Afganistán para ir ao centro de saúde tardan cinco ou seis horas en burra. O acceso é tan difícil que os nenos só van o médico cando están enfermos polo que, realmente, todos se vacinan cando sofren algunha enfermidade.

Ten previsto realizar novas viaxes?

Agora mesmo non podo por cuestións familiares. Normalmente, o mínimo que che piden é estar de seis meses a un ano. Que conste que cando foi o do ébola apetecíame moito marchar...

Que papel xogan os socios nesta oenegé?

Un dos nosos piares é a independencia financeira. Se dependes de axudas, os gobernos subvencionarán proxectos nun país no que teñen interés económico ou político, pero non necesariamente onde nós consideramos que máis se precisa. No noso caso, o 90%dos ingresos son de socios individuais. Isto permítenos ir a onde máis se necesita.

Cales son as zonas máis necesitadas?

Médicos Sen Fronteiras traballa en accións humanitarias; é dicir, en situacións de emerxencia. Non obstante, a veces, como acontece en Afganistán, cronifícase a emerxencia porque o conflito se mantén. Nestes momentos, o 75% dos nosos proxectos están en zonas onde hai un conflito armado. Siria e os seus países limítrofes é onde máis estamos traballando. Un cambio nos últimos anos é que somos obxectivo militar. O número de ataques a hospitais de Médicos Sen Fronteiras ou doutras oenegés aumenta tódolos anos.

Por que?

Nós pensamos que somos o obxectivo por unha cousa moi fundamental: non lles interesa que contemos o que está pasando alí. Nós temos un labor de atención sanitaria e tamén de testemuña do que vemos. Moitas veces teñen a excusa de que hai un terrorista dentro  pero, sen embargo, un dos principios de Médicos Sen Fronteiras é a neutralidade. Nos nosos centros hai xente de tódolos bandos e hai unha cousa que se cumpre sempre: Ninguén pode estar armado. É unha condición para entrar. 

Te puede interesar