FORO LA REGIÓN

Santalices: “Co desvanecemento de Fraga, pensei que podía morrer alí"

Miguel Santalices, durante a súa intervención, seguida atentamente por Baltar na mesa e os ocupantes da primeira fila dos asistentes ao Foro.
photo_camera Miguel Santalices, durante a súa intervención, seguida atentamente por Baltar na mesa e os ocupantes da primeira fila dos asistentes ao Foro. (M. PINAL)

O presidente do Parlamento de Galicia reivindica o papel dunha institución que "queremos abrir á sociedade e que se coñeza"

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, abriu onte no Foro La Región as portas dunha institución "que frecuentemente se confunde coa Xunta", polo que quixo "profundizar e explicar ben" as características da Cámara, contando, por exemplo, que na historia se tramitaron 450 leis, ademais de debater milleiros de iniciativas.

"Queremoa abrir ó Parlamento á sociedade. As súas funcións principais son elaborar leis, elixir o presidente da Xunta, o control e impulso á acción do goberno ou aprobar orzamentos, porque sen eles pouco se pode facer", destacou Santalices, que repasou varias das anécdotas que viviu durante a súa etapa no Pazo do Hórreo, que preside dende hai case tres anos.

"O meu debut foi unha traxedia, un desastre. Cando me avisaron de que debutaría, concentreime, lín, recollín documentación, medín tempos. Estaba acostumado a falar, pero impón xa o recorrido ata a tribuna. Tras unha broma púxenme tan nervioso que o fixen en tres minutos e un volve coa sensación do ridículo", relatou Santalices.

"Se algo require a Presidencia é absoluta concentración, porque en calquera momento cha poden xogar", subliñou

Entre os aspectos que quixo pór en valor, o presidente do Parlamento salientou a aposta pola "participación cidadá, unha nova proposta porque a sociedade galega ten moitas luces e aporta cousas que ás veces os deputados non somos quen de ver". Ademais, subliñou a "eficiencia" da cámara galega, "os que máis producimos ó menor custo".

O traballo por conquerir unha maior accesibilidade ás instalacións, unha programación cultural propia, días de portas abertas ou diferentes campañas para promover hábitos saudables "porque os representantes elixidos debemos mandar mensaxes á cidadanía" foron algúns dos aspectos que remarcou o protagonista do Foro La Región, que se referiu tamén a cuestións de actualidade como o conflito catalán, poñendo en valor o traballo no Parlamento de Galicia.

"Hai un absoluto respecto pola Constitución e o Estatuto. Eu, sendo médico, non teño os coñecementos xurídicos necesarios, pero hai uns grandes servizos xurídicos que me guian cara o correcto e por iso poucas veces me equivoco. Mentres, noutros parlamentos pisan a estes servizos", indicou. 

Santalices recoñeceu botar de menos os "debates de antes, que daban máis voltas e eran menos directos", así como algúns dos momentos imborrables da súa longa traxectoria.

"O momento máis complexo foi o desvanecemento de Fraga, que nos colocou nunha tensión impresionante, pensei que podía morrer alí", comentou o presidente do Parlamento, que pese a non querer dar nomes, recoñeceu que "se intúe cando a un deputado se lle ven maneiras, é algo que se percibe, habéndoos en todos os grupos".

En relación ós logros que percibe como máis importantes, Santalices lembra "conseguir a hemodinámica para Ourense, a unidade de agudos ou a de lesións medulares para o sur de Galicia, aínda que se hai algo do que me sinto orgulloso é da lei de garantía de enfermos terminais".

Santalices puxo en valor a "ourensanía creativa e parlamentaria" que acompañou á institución durante todo o seu percorrido. Sobre o seu papel, como presidente, deu algunha clave. "Se algo require a presidencia é absoluta concentración, en calquera momento cha poden xogar", concluiu. 

Te puede interesar