Letras Galegas

A Academia valorará estender o Ano Carvalho Calero a 2021: "Nós non nos pechamos"

2014032416231997832
Prevé convocar un pleno á volta do verán no que se analizarán "todas as circunstancias" e propostas trala crise sanitaria
Galicia está a vivir neste Ano Carvalho Calero situacións extraordinarias e as consecuencias dunha crise sanitaria que paralizou todo o país. A Real Academia Galega non foi unha excepción e xa se viu obrigada a tomar decisións sen precedentes nos 57 anos de historia do 17 de Maio, como o adiamento do seu acto oficial de conmemoración ata o mes de outubro.

As restricións decretadas polo estado de alarma e as medidas de seguridade para facer fronte á COVID-19 afectaron a toda a programación prevista para homenaxear ao profesor e escritor ferrolán.

Por este motivo numerosas voces, da man de escritores, intelectuais, entidades sociais e culturais, solicitaron formalmente á institución académica que estenda a 2021 a celebración da figura de `Don Ricardo`, co fin de paliar esa situación e darlle a visibilidade que merece.

A Academia é totalmente consciente desta demanda social. Nunha entrevista con Europa Press, o presidente da RAG, Víctor Freixanes, recoñeceu que se trata de "unha posibilidade que está aí" pero que a institución terá que valorar no seu momento.

Freixanes avanzou que se convocará un pleno cando as circunstancias o permitan, previsiblemente á volta do verán (en setembro ou principios de outubro), no que a Executiva e os académicos analizarán a situación na que queda a conmemoración e as iniciativas desenvolvidas.

"Nós non nos pechamos", asegurou, pero antes haberá que "reunirse", posto que de momento non tiveron "nin posibilidade legal" nin material para celebrar un encontro nas condicións necesarias para abordar esta posibilidade e as propostas sociais realizadas neste sentido.

O presidente da Academia defendeu, a pesar diso, que "a visibilización está aí" e que a institución "está a facer un esforzo grande" para celebrar a Carvalho Calero, "con iniciativas de todo tipo" a través das redes para tentar paliar a suspensión de eventos e de actos presenciais.

"A presenza social está aí. Outra cousa é que se puidese facer doutra maneira, que a nós nos gustaría". Freixanes realizou un chamamento a superar estas circunstancias e "ser capaces, con imaxinación e esforzo", de impulsar "iniciativas extraordinarias" e celebrar a `Don Ricardo" con "a dignidade que merece", como o acto central en Ferrol do próximo 31 de outubro coincidindo co aniversario do escritor.

SERÍA "UNHA INXUSTIZA"

Diversas entidades, como A Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ou a Associaçom Galega da Língua (AGAL), recoñeceron o intento da Academia de compensar esta situación, pero consideraron que as circunstancias fan "moi difícil" a difusión adecuada dunha figura do calibre do autor de `Scórpio` e do primeiro canon da historia da literatura galega.

A AELG remitiu unha carta ao presidente da Academia para transmitirlle persoalmente a petición de que 2021 sexa tamén o Ano Carvalho Calero, despois de que a crise anulase "toda posibilidade de normal celebración das actividades de divulgación" do narrador, poeta e ensaísta, tanto no panorama educativo como cos concellos.

"Pensamos que sería unha inxustiza histórica que o autor homenaxeado non poida ser achegado á sociedade e aos seus escolares como todo autor e autora mereceron no pasado, dentro dunha maior normalidade social e cultural", insisten na misiva.

A federación de asociacións culturais Galiza Cultura tamén realizou unha petición neste sentido, a través dunha misiva subscrita pola súa presidenta, a escritora Pilar García Negro.

"A excepcionalidade de tal medida está máis que xustificada polo excepcional e grave da situación que estamos a padecer", sinalou, tendo en conta o gran abano de actos que sempre acompaña á conmemoración.

DEBATE SOBRE A LINGUA

Xunto a todos estes factores, AGAL apuntou outras dúas cuestións para xustificar a extensión do Ano Carvalho Calero a 2021: o intenso traballo do movemento social para apoiar a candidatura do autor durante anos e a complexidade da súa figura, sobre todo no relativo ao debate lingüístico.

O seu presidente, Eduardo Maragoto, insistiu en declaracións a Europa Press na imposibilidade de cumprir con esta conmemoración "como con todos os autores" homenaxeados o 17 de Maio, polo menos nestas condicións, e incidiu en que `Don Ricardo` é unha figura "moito máis complexa e con moito debate de fondo" que non se pode abordar ás présas, senón "con calma e acougo".

A finais dos 70, unha serie de intelectuais, entre os que se atopaba o propio Carvalho, defenderon unha maior converxencia coa ortografía portuguesa e a importancia de depurar o idioma, con motivo da próxima chegada da lingua galega ao sistema educativo.

As teses do ferrolán confrontaban directamente coas doutras personalidades da súa xeración, que optaban por unha vertente próxima á oralidad e máis similar ao castelán. Carvalho Calero terminou excluído e apartado por parte desta corrente, que finalmente foi a imperante e a que marcou o canon lingüístico.

Maragoto, do mesmo xeito que outras voces como Pilar García Negro, apelou a esta exclusión e insistiu na importancia de abordar o debate, que foi "tan intenso" que os triunfadores naquel momento terminaron por ocultar a "relevancia que tivo" o ferrolán "durante décadas".

"NON HAI NADA ETERNO"

Freixanes coincidiu neste sentido co presidente de AGAL e asegurou que o debate "segue aberto e debe estar aberto", posto que "non hai nada eterno e nada inamovible".

"O que conmemora a Academia é a figura, non conmemora ningún tipo de proposta ortográfica", asegurou, para defender que a traxectoria de Carvalho Calero é "merecedora de todas as honras", á marxe de opinións que se poidan "compartir ou non".

Neste sentido, o presidente da RAG considerou que os pasos hai que dalos "coa sociedade detrás", con documentación e coñecemento científico, escoitando as diferentes posicións.

Unha mostra diso será o simposio previsto para finais de ano no que se analizarán os distintos aspectos da figura de Ricardo Carvalho, "e un deles é a lingua". A data deste evento abordarase tamén no próximo plenario da Academia, que dependerá da evolución desta situación "tan extraordinaria". O 17M "SEGUE VIVO"

Á espera de que se aclare a situación, o presidente da Academia reivindicou as accións que se están desenvolvendo desde a institución, impulsando entrevistas con escritores, estudiosos da vida do homenaxeado ou iniciativas como `Unha palabra para Don Ricardo`, na que participaron autores como Salvador García-Bodaño, Margarita Ledo, Henrique Monteagudo, Rosario Álvarez, Antón Santamarina, Fina Casalderrey ou Claudio Rodríguez Fer.

Ademais de iniciativas editoriais ou lecturas colectivas `online`, a TVG emite microespazos sobre a súa obra e prepara diversos especiais para homenaxear ao autor ferrolán, mentres que outras, como `A Primavera das Letras`, estenderanse ao primeiro trimestre do curso.

"Algunhas teñen máis repercusión da que nos imaxinamos", destacou Freixanes que instou á sociedade civil a "manter viva a figura de Carvalho", facendo súas estas accións, impulsando as súas propias, e evidenciando que o ano das Letras "segue estando vivo".

Te puede interesar