Arrestan o xenro e filla do condutor achado morto en Verín en setembro

Investigadores da Garda Civil procederon á detención de dúas persoas, o xenro e a filla do condutor de autobús da empresa Autocares Guerra achado morto en Verín en setembro do 2011, como presuntos autores do homicidio, informaron fontes oficiais.

Ambos os dous permanecen a estas horas nas dependencias da Garda Civil á espera de que pasen a disposición xudicial.

Estas dúas persoas, a filla e xenro da vítima, foron detidas na tarde de onte, como presuntas autoras da morte do chofer, de 59 anos e veciño de Verín, segundo indicou o subdelegado do Goberno, Roberto Castro.

Ambas as dúas detencións prodúcense no contorno familiar da vítima, aínda que o subdelegado fixo un chamamento á prudencia, xa que o caso se encontra 'baixo segredo de sumario'.

'A investigación segue aberta', indicou Castro, quen engadiu que espera que se resolva 'canto antes'.

O condutor foi achado ás 1:35 horas do día 12 'degolado', debaixo dun dos autobuses que conducía, da empresa de Autocares Guerra.

Entón, sospeitouse dun posible axuste de contas, xa que o testemuño de varios veciños apuntaba a que podería haber unha ou dúas persoas esperando a vítima, que chegaba procedente de Pontevedra.

A Garda Civil mantén aberta a investigación co fin de esclarecer os feitos.

Te puede interesar