CORRUPCIÓN

Condena de 8,5 anos de inhabilitación ao exalcalde do Porriño por prevaricación

A Audiencia ve "evidente" o dolo penal e considera probado o delito na contratación irregular de tres asesores

A Audiencia Provincial de Pontevedra ditou sentenza na que desestima o recurso de apelación presentado pola defensa de Raúl Francés, exalcalde do Porriño, e ratifica a condena de 8 anos e medio de inhabilitación por un delito continuado de prevaricación administrativa.

Francés, que foi rexedor do Porriño polo BNG entre 2003 e 2010, e posteriormente concelleiro coa actual alcaldesa socialista, Eva García da Torre, foi xulgado pola contratación (no seu período como rexedor) irregular de tres asesores técnicos.

O xulgado Penal número 2 de Pontevedra condenouno en setembro de 2016 a 8 anos e medio de inhabilitación por prevaricación administrativa continuada, e o seu defensa presentou recurso de apelación, argumentando que se produciu un erro na valoración da proba durante o xuízo, e que se infrinxiu o principio de legalidade e da xurisprudencia sobre o delito de prevaricación na sentenza condenatoria.

A Audiencia Provincial desestimou agora o recurso, ao entender que, da proba practicada, non pode deducirse que a apreciación do xuíz fose "errónea ou ilóxica, e moito menos arbitraria". Así, dá por válidos os feitos considerados probados e ve "evidente a concorrencia de dolo penal", nunha resolución firme, contra a que non cabe interpor recurso algún.

De alcalde do BNG a edil cunha alcaldesa socialista

Raúl Francés foi alcalde do Porriño co BNG, entre 2003 e 2010, cando Nelson Santos arrebatoulle `o bastón` grazas a unha moción de censura apoiada polo PP e por dous grupos independentes. En 2012 deuse de baixa no BNG e presentou (xunto a outros dous edís nacionalistas) a súa dimisión e renuncia á acta de concelleira.

En 2015 volveu á escena política de forma sorprendente, como número dous (independente) na lista do PSOE, que encabezaba Eva García da Torre. Unha vez que a socialista foi investida rexedora, Raúl Francés converteuse en concelleiro de Emprego e Facenda no Porriño. Poucos meses despois, após coñecerse a apertura de xuízo oral contra el por prevaricación, presentou a súa dimisión e anunciou que abandonaba a política.

Te puede interesar