O BNG da Coruña reclama a retirada do título de fillo predilecto a José Luis Méndez

O Grupo Municipal do BNG no Concello da Coruña reclamará no próximo pleno a retirada do título honorífico de fillo predilecto ao exdirector xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, pola 'pésima xestión' á fronte da entidade financeira.
O voceiro nacionalista, Xosé Manuel Carril, solicitou que se retire esta distinción, aprobada en 2006 por o daquela alcalde da cidade herculina Francisco Vázquez, porque 'mantelo como fillo predilecto da cidade só daría unha mala imaxe da Coruña'.

Pola súa banda, a concelleira nacionalista Ermitas Valencia insistiu en que 'con feitos máis que probados e con razóns máis que suficientes é de xustiza retirarlle esta honra ao exdirector de Caixa Galicia'. 'A xestión de José Luis Méndez López levou ao Estado español a necesitar un rescate externo', engadiu.

Así mesmo, segundo informa o BNG, Carril denunciou a indemnización cobrada por José Luis Méndez, afirmando que 'o prezo que pagou a antiga Caixa Galicia para poder dicirlle adeus a quen durante 29 anos ocupou a Dirección Xeral foi un retiro de 16,5 millóns de euros'.

Por ultimo, o nacionalista acusou a Méndez de 'encubrir a súa mala xestión incrementando a solvencia da entidade, colocando produtos complexos á clientela', en referencia ás participacións preferentes.

Te puede interesar