Alfonso Cabaleiro sostén que o idioma está 'nunha situación óptima' no campo da publicidade

A Cámara apoia o galego como ?referencia' na Administración

Os grupos con representación no arco parlamentario galego -PP, PSdeG e BNG- aprobaron por unanimidade instar á Xunta a 'consolidar' o galego como lingua 'de referencia' na Administración autonómica.
En comisión parlamentaria, o impulsor desta iniciativa, o nacionalista Bieito Lobeira, sinalou que os administrados teñen 'o dereito' de ser atendidos en galego por parte do funcionariado e criticou que, en ocasións, isto non sucede. Con esta visión coincidiu o representante do PSOE neste debate, José Manuel Lage, quen subliñou que os traballadores da Función Pública deben ter un alto grao de 'compromiso' coa lingua propia.

Tamén os 'populares' se mostraron favorables á aprobación deste texto, a través do seu deputado Agustín Baamonde, quen abundou en que o idioma da Administración debe ser o propio da autonomía. Tras solicitar o respaldo dos dous grupos parlamentarios restantes, o parlamentario do Bloque ironizou sobre a 'relación sádica' co idioma galego que manteñen os 'populares', especialmente polo decreto do plurilingüismo en educación.

Á marxe desta proposición non de lei, Lobeira preguntou ao secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, sobre a 'exclusión' do galego en campañas publicitarias institucionais para anunciar o fin da televisión analóxica e a súa substitución pola Televisión Dixital Terrestre (TDT). O alto cargo do Goberno galego explicou que este tipo de anuncios en castelán son 'minoritarios' e asegurou que 'non serán habituais'. Sobre o caso concreto criticado polo deputado do Bloque, xustificou a súa emisión en castelán por estar dirixido a habitantes de comunidades 'limítrofes' con Galicia.


CAMPAÑAS PUBLICITARIAS

Esta explicación non satisfixo ao parlamentario nacionalista, dado que a Xunta non pode planificar as súas campañas, ao seu xuízo, pensando noutros cidadáns que non sexan os galegos. En todo caso, valorou o 'compromiso' coa lingua de Castelao expresado polo secretario xeral.

Na súa última intervención, Cabaleiro concluíu que o galego está 'nunha situación bastante óptima' no campo publicitario, algo que atribuíu á súa difusión, principalmente, a través dos medios públicos. Non obstante, recalcou que esta lingua está 'lonxe da situación ideal' en canto á súa utilización nos medios de comunicación, algo no que, segundo o seu criterio, 'hai que avanzar máis.

Te puede interesar