VIGO

Detidos dous mozos e dous menores por agredir a varios viandanes

A vítima, un home de 34 anos, denunciou que fora abordado por catro mozos que lle pediron un cigarro e ao non darllo, un deles deulle unha patada na entreperna

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a L.M. e P.N., dous homes de 21 e 19 anos, e dous menores de idade, todos eles naturais de Romanía, como presuntos agresores de varios viandantes cos que se cruzaron na pasada madrugada, informaron fontes policiais.

Sobre as 1.55 horas a Policía tivo coñecemento dunha primeira agresión na rúa García Barbón, onde un mozo de 21 anos relatou aos axentes que momentos antes sete mozos se lle achegaron cando camiñaba pola beirarrúa e que lle pediron tabaco, e que a seguir lle propinaron puñadas e patadas.

Contra as 2.40 horas, outra dotación policial foi requirida para que se dirixise á praza de Compostela, onde outro mozo fora agredido.

A vítima, un home de 34 anos, denunciou que fora abordado por catro mozos que lle pediron un cigarro e ao non darllo, un deles deulle unha patada na entreperna.

Ás 03.35 horas, a Policía Local tivo coñecemento de que un pai e o seu fillo, de 51 e 21 anos, respectivamente, foran golpeados por catro individuos na rúa Camelias coa Romil, e que tiveron que ser derivados ao hospital Meixoeiro pola gravidade das lesións.

Os labores de busca e rastreo deron os resultado coa localización dos sospeitosos na rúa Romil coa Ourense.

Ao decatarse da presenza policial, un deles intentou fuxir correndo mais foi alcanzado por un axente.

Os axentes deron tamén cunha mochila que os presuntos agresores arrebataran ao pai e ao seu fillo e que despois abandonaran nas escaleiras que desde Romil dan acceso á vía Hispanidade.

Te puede interesar